POLÍTICAS SOCIAIS

Recepción ás persoas participantes no press trip do proxecto #UP2U

19/05/2018 A concelleira de Políticas Sociais, Diversidade e Saúde, Concha Fernández, recibiu este sábado no Pazo de Raxoi os/as participantes nun press trip que tiña como obxectivo dar a coñecer o proxecto #UP2U. A delegación estaba encabezada pola impulsora da iniciativa, a maxistrada canaria Reyes Martel.

#UP2U é unha asociación fundada pola titular do Xulgado de Menores número 1 de Las Palmas, que ten como obxectivo organizar actividades para menores condenados por diversos delitos ou en situación de exclusión social, para favorecer a súa reinserción. O ano pasado, a entidade favoreceu que 19 menores condenados por violencia doméstica puideran conmutar as súas penas percorrendo o Camiño Canario de Santiago, entre Santiago de Tunte e Santiago de Gáldar. Este ano, amplíase o proxecto, e máis dun cento de menores percorrerán tamén un tramo do Camiño Inglés.

Camiño de Santiago
Na segunda edición da peregrinación organizada por #UP2U participarán 50 mozos e mozas canarios en risco de exclusión e outros 50 do resto do Estado, acompañados por familiares e voluntarios.

Ademais de recorrer novamente o Camiño de Santiago Canario, os participantes farán un tramo do Camiño Inglés, desde A Coruña a Santiago. Está previsto que esta peregrinación se desenvolva entre os días 31 de maio e 3 de xuño. Ese día chegarán á praza do Obradoiro e serán recibidos novamente no Pazo de Raxoi.

Nos últimos días, representantes dos medios de comunicación canarios e membros da asociación #UP2U realizaron o mesmo percorrido que os mozos e mozas en risco de exclusión farán a finais de mes, coa participación da impulsora do proxecto, Reyes Martel.

Compartir: