CONSORCIO

O Consorcio de Santiago celebra o Día das Letras Galegas coa entrega de publicacións en galego a todas as persoas que visiten a Casa do Cabido o 17 de maio

15/05/2018 Con motivo da celebración do Día das Letras Galegas, o vindeiro xoves, 17 de maio, o Consorcio de Santiago fará entrega de publicacións en galego a todas as persoas que visiten a Casa do Cabido (na praza das Praterías) ao longo da xornada, ata que se esgoten as existencias.

Ao día seguinte, o venres 18, no marco da conmemoración do Día Internacional dos Museos, o organismo tamén obsequiará con libros do seu fondo editorial aos/ás visitantes da Casa do Cabido. Trátase de exemplares relacionados coa literatura, a arte e a historia de Santiago. Os exemplares pertencen ás diferentes bibliotecas do Consorcio: a biblioteca facsimilar, a científica, a biblioteca de divulgación, a literaria, a biblioteca de imaxes e a biblioteca infantil e xuvenil.

A Casa do Cabido abrirá o xoves 17 e o venres 18 no seu horario habitual, de 10:00 a 14:00 horas pola mañá e de 17:00 a 21:00 horas pola tarde.

Un percorrido pola biblioteca histórica do IES Xelmírez I
As persoas que se acheguen estes días á Casa do Cabido terán ademais a oportunidade de facer un percorrido pola exposición A pegada do coñecemento, que reúne os principais fondos da biblioteca histórica do Instituto Arcebispo Xelmírez I, unhas das mellores de toda Galicia e que foi restaurada durante os últimos dous anos co apoio do Consorcio.

Nesta mostra poden verse xoias bibliográficas de moi difícil localización na actualidade, como obras do século XVII, un exemplar de En las orillas del Sar de Rosalía de Castro de 1884, dicionarios, gramáticas, manuais, láminas ou atlas antigos procedentes de diferentes países. Por outro lado, exhíbese unha serie de pezas do século XIX de gran valor que se conservan no museo do centro.

Compartir: