MEDIO AMBIENTE

O CIAC acolle este sábado un novo obradoiro de recoñecemento de árbores

15/05/2018 Despois do éxito do programa de actividades posto en marcha en marzo polo Centro de Interpretación Ambiental de Compostela para celebrar o Día da Árbore, en maio recupéranse dúas daquelas propostas: o obradoiro de recoñecemento de árbores e o roteiro para coñecer as árbores do parque de Belvís.

O sábado 18, ás 11:30 horas, o CIAC acollerá un novo obradoiro de recoñecemento de árbores. O seu obxectivo é transmitirlle aos pequenos e pequenas da casa a importancia que teñen as árbores para o Planeta, en xeral, e para os seres humanos, en particular. Iniciarse no seu coñecemento e no recoñecemento das diferentes árbores que podemos encontrar en Compostela, concretamente no parque de Belvís.

Esta actividade está dirixida a público infantil (a partir de 6 anos), acompañados os nenos e nenas por unha persoa adulta. A participación é de balde, pero é preciso inscribirse a través do teléfono 981 543 145 ou da dirección de correo electrónico ciac@santiagodecompostela.gal.

Tamén é preciso anotarse, a través dos mesmos medios, no roteiro interpretativo "Coñecendo as árbores do parque de Belvís", que se celebrará no CIAC o sábado 26 ás 11:30 horas. Con este itinerario verde danse a coñecer en profundidade as diferentes árbores que nos rodean e que vemos todos os días polo parque de Belvís, para aprender a diferencialas e ser conscientes da súa importancia e do seu valor cultural, ecolóxico e paisaxístico.

O obradoiro está destinado a todos os públicos (a partir de 9 anos). Os rapaces e rapazas deberán estar acompañados dunha persoa adulta.

Compartir: