ESPAZOS CIDADÁNS

Unha cidade histórica habitada e innovadora, principal demanda da Conferencia Estratéxica do Plan de Xestión

15/05/2018 Unha cidade histórica habitada, innovadora, e que sexa foco xerador e difusor de cultura. É a principal reclamación das máis de 70 persoas que participaron na Conferencia Estratéxica do Plan de Xestión celebrada a semana pasada, dentro do proceso participativo que se está a desenvolver para elaborar ese documento, parello á revisión do Plan Especial. O concelleiro de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade, Jorge Duarte, e o codirector do Plan de Xestión, Juan Requejo, presentaron hoxe as principais conclusións dese encontro.

A Conferencia Estratéxica celebrouse o pasado 8 de maio no Auditorio de Galicia, despois dun longo proceso participativo con entrevistas individualizadas e con grupos focais. O concelleiro de Espazos Cidadáns valorou "moi positivamente a alta participación na xuntanza, na que estiveron representadas a veciñanza, o tecido asociativo, a Universidade e os diferentes grupos políticos". Jorge Duarte salientou que, de xeito paralelo, estanse mantendo xuntanzas con todas asociacións veciñais afectadas polo ámbito de Plan Especial. Neses encontros "púxose de manifesto a necesidade de crear un órgano permanente que facilite a comunicación e a participación da cidadanía, un Consello Veciñal da Cidade Histórica que esperamos converter pronto en realidade".

Recuperar a habitabilidade
O codirector do Plan de Xestión tamén mostrou a súa satisfacción polo resultado da Conferencia Estratéxica, porque "é moi meritorio que máis de 70 persoas de diferentes ámbitos dediquen todo un día a debater e reflexionar sobre a situación do espazo que habitan e sobre a maneira de melloralo". Juan Requejo reiterou que a principal preocupación manifestada na xuntanza, como anteriormente nos grupos focais, "ten que ver coa necesidade de recuperar a habitabilidade na zona histórica". Iso, apuntou, "deberá trasladarse non só ao Plan Especial da Cidade Histórica, senón tamén ao Plan de Turismo, ás políticas de vivenda ou ao Plan de Mobilidade, porque o obxectivo último é mellorar a calidade de vida neste ámbito". Nesta liña, Requejo apuntou que é preciso fomentar as actividades comerciais na zona vella, modernizar as redes de subministro de enerxía, datos e auga, así como a xestión de residuos; e deseñar un novo esquema de mobilidade e accesibilidade específico para a cidade histórica.

Cultura e innovación
O codirector do Plan de Xestión incidiu tamén noutra das demandas expresadas na Conferencia Estratéxica: "potenciar o papel de Santiago nun gran foco xerador, produtor e difusor da cultura en todas as súas vertentes". Nesa liña, as conclusións da xuntanza inclúen puntos relacionados co apoio á actividade de artistas e persoas creadoras, á revisión da normativa para favorecer a práctica de actividades culturais, ou a creación dun espazo de encontro entre entidades do ámbito da cultura.

Do mesmo xeito, considérase clave "potenciar a interacción mutua coa Universidade para fomentar a innovación e o coñecemento na cidade histórica, creando un espazo de relación institucional permanente que podería denominarse Univercidade". Segundo as conclusións da Conferencia Estratéxica, os esforzos deberan concentrarse en promover ámbitos de innovación de especial interese como saúde e biotecnoloxía, medio ambiente, humanidades e cultura, construción sostible e habitabilidade.

O proceso participativo do Plan de Xestión estase a desenvolver de xeito paralelo aos traballos técnicos. Requejo explicou que "as dúas partes integraranse nun único documento que debera estar elaborado no prazo dun mes". O concelleiro de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade, Jorge Duarte, explicou que o seu obxectivo é "aprobar no pleno de xullo o documento para a avaliación ambiental do Plan Especial, que irá acompañado do borrador do Plan Especial e dunha primeira versión do Plan de Xestión". Estes tres documentos serán remitidos á Xunta para a súa avaliación ambiental e exposición pública. A partir de aí, Jorge Duarte estima que será preciso un prazo dun ano para a aprobación inicial do novo Plan Especial da Cidade Histórica e do Plan de Xestión.

Compartir: