IGUALDADE

A Corporación compostelá solidarízase coa vítima da "Manada" e demanda a inclusión da perspectiva de xénero no dereito

14/05/2018 O salón nobre de Raxoi acolleu esta mañá a lectura dunha declaración institucional por parte das concelleiras de todos os grupos con representación no Concello, na que rexeitaron a sentenza ditada no denominado caso da "Manada" e amosaron a súa solidariedade coa vítima. No acto participaron as concelleiras Marta Lois, María Rozas, Concha Fernández, Noa Morales e Branca Novoneyra, de Compostela Aberta; María José Castro, María Corral e María Antón, do PP; Milagros Castro, do PSOE, e Goretti Sanmartín, do BNG.

Marta Lois sinalou que "este fallo foi unha oportunidade perdida para que a Xustiza dera un paso adiante amosando que está do lado das mulleres" e fixo referencia á concentración estudantil que, á mesma hora, se estaba a producir diante do Reitorado para solicitar a reprobación dun profesor da USC polas súas declaracións machistas en relación, precisamente, ao caso da "Manada".

Na súa intervención, Goretti Sanmartín indicou que existe un "clamor da sociedade para que non volva haber unha sentenza como esta" e reclamou máis educación e formación para os sectores xudiciais, que "a día de hoxe, non contemplan a perspectiva de xénero".

Na mesma liña se pronunciou a representante do PSOE en Raxoi, Milagros Castro, quen asegurou formar "parte da maioría de homes e mulleres que se manifestaron en contra desta sentenza". A concelleira incidiu, non só na necesidade de formación para xuíces e xuízas, senón tamén "en pedir unha reforma lexislativa".

Pola súa banda, Pepa Castro sinalou sentirse "superada por esta resolución xudicial, sentindo repulsa unha vez lidos os feitos probados e o fallo". A concelleira indicou que, "a pesar de que existen instancias superiores ás que recorrer, esta sentenza abriu de maneira indubidable unha reflexión sobre a conveniencia de reformar o Código Penal".

As concelleiras da Corporación deron lectura conxunta á declaración institucional que o Pleno aprobará o vindeiro 24 de maio e coa que queren "dar soporte a todas as mobilizacións de crítica social en contra desta sentenza", ao mesmo tempo que critican os argumentos usados pola Audiencia Provincial de Navarra en relación co concepto de violencia, "cando a propia Nacións Unidas leva anos defendendo que, cando se fala de violencia, fálase de violentar a vontade individual".

Na declaración institucional asinada por todos os grupos, a Corporación quere "expresar a súa solidariedade coa muller vítima da violación cometida pola "Manada", así como todas aquelas outras que viron como o seu lexítimo dereito á xustiza se vía ferido pola concepción patriarcal da mesma". Ademais, no texto ínstase ao Congreso e ao Senado a "modificar o Código Penal para revisar o suposto de abuso sexual, así como a consideración xurídica da violencia en casos de agresión sexual e violación".

Outra das peticións que se incorporan na declaración institucional insta a que se "formen todos os operadores xurídicos, nomeadamente xuíces e xuízas, en materia de xénero, cunha formación continuada e adaptada á realidade social que axude a incluír a perspectiva de xénero no dereito, coa finalidade de evitar que se volvan ditar sentenzas como estas".

Documentos relacionados



Compartir: