XUNTA DE GOBERNO

Aprobada unha instrución interpretativa sobre os requisitos para a implantación de vivendas de uso turístico

11/05/2018 A Xunta de Goberno aprobou hoxe unha instrución sobre o tipo de uso e os requisitos para a implantación de apartamentos turísticos, vivendas turísticas e vivendas de uso turístico no termo municipal de Santiago. O obxectivo é aclarar as posibles dúbidas que xorden á hora de interpretar as normativas ao respecto que teñen vixentes por un lado o Concello e polo outro a Xunta de Galicia, no exercicio das súas respectivas competencias.

O alcalde, Martiño Noriega, explicou que a instrución "ten como obxectivo mellorar a coordinación dos traballos que desenvolven a Xunta e o Concello neste ámbito, que lle preocupa especialmente ao Goberno local". Nesa liña, lembrou que o Executivo municipal "ten elaborado un censo de vivendas turísticas, que fala de máis dun milleiro de pisos que non están suxeitos a ningún tipo de regulación, nin local nin autonómica". O alcalde puxo tamén o acento en que o estudo demostrou que "o perfil dos propietarios destes pisos turísticos non é o de familias que procuren recursos económicos alternativos, senón que falamos de multipropietarios en moitas ocasións vinculados xa ao sector hostaleiro". Ademais, incidiu na necesidade de regular un tipo de negocio "que ten efectos moi prexudiciais na zona histórica, como a perda de habitantes ou o encarecemento dos prezos dos alugueiros".

A instrución aprobada hoxe, que lle será remitida á Xunta de Galicia, aclara o tipo de solos nos que se pode autorizar a apertura deste tipo de establecementos, e especifica a necesidade de presentar ante o Concello unha comunicación previa/declaración responsable de inicio de actividade previa á apertura dunha vivenda de uso turístico. No que ten que ver en concreto coa zona histórica, a instrución lembra que o Goberno ten aprobada inicialmente unha modificación puntual do Plan Especial da Cidade Histórica para limitar os aloxamentos de carácter temporal neste ámbito, que tamén lle afectan ás vivendas de uso turístico.

Supercopa de baloncesto
A Xunta de Goberno tamén acordou hoxe solicitar unha subvención á Deputación da Coruña para o cofinanciamento do patrocinio vencellado á celebración da Supercopa da ACB en Santiago. A achega solicitada é de 121.000 euros, mentres que o Concello financiaría a mesma cantidade con fondos propios. O alcalde aclarou que esta solicitude "non significa que sexa definitivo que a Supercopa de baloncesto se vaia celebrar en Santiago, pero sí que é un paso máis neste obxectivo". A subvención sería outorgada se se confirma que a competición se vai desenvolver en Compostela. Martiño Noriega reiterou que "sería moi positivo para a cidade ser a sede da Supercopa, e poría en valor o traballo que se ten feito en Compostela no eido do baloncesto, referenciado sobre todo a través do Obradoiro". Tamén agradeceu a vontade de colaboración da Deputación da Coruña ao longo de todo o proceso.

Outros acordos
Na reunión de hoxe, o Goberno tamén aprobou as bases da convocatoria de subvencións para as festas patronais. A estas axudas destinarase un total de 24.000 euros.

Por último, a Xunta de Goberno deu conta da resolución de Agader, dependente da Consellería de Medio Rural, pola que lle concede ao Concello unha subvención de case 67.000 euros para o proxecto de ampliación e mellora da plataforma de rodaxe do viario de acceso a Lamascal. A actuación custarán preto de 160.000 euros.

Documentos relacionados

Direccións relacionadas



Compartir: