ALCALDÍA

O Concello de Santiago entregará un novo informe solicitado por Acuaes para abrir o estudo comparativo de alternativas da EDAR

09/05/2018 O Concello de Santiago achegaralle a Augas de Galicia e Acuaes un novo informe sobre a viabilidade técnica e económica da nova EDAR da Silvouta mediante a tecnoloxía granular aerobia. Unha vez entregada esa documentación, poderíase iniciar o estudo de alternativas tendo en conta tanto a proposta do Goberno municipal como o proxecto do Souto defendido polas outras dúas administracións implicadas na actuación.

A entrega do novo informe foi o requirimento formulado por Acuaes na reunión da comisión de seguimento da EDAR celebrada na sede do organismo estatal en Vigo. Na xuntanza participaron o alcalde, Martiño Noriega; o concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia, Xan Duro; a responsable de Acuaes, Aránzazu Vallejo; e o director xerente de Augas de Galicia, Roberto Rodríguez.

O Goberno ten encargada a redacción dun informe de viabilidade técnica e económica da nova EDAR de Silvouta coa tecnoloxía granular aerobia como alternativa á EDAR do Souto, que amplía o estudo inicial avalado pola USC. Da súa elaboración encárgase a Enxeñaría Novax, cunha ampla experiencia en proxectos similares doutras estacións depuradoras actualmente en funcionamento. Está prevista unha primeira entrega do estudo ao longo deste mesmo mes.

Compartir: