INFRAESTRUTURAS

Obras de saneamento e abastecemento de augas por máis dun millón de euros

08/01/2007 A Xunta de Goberno local aprobou o convenio de colaboración entre a consellería de Medio Ambiente, a Empresa Pública de Obras e Servizos Hidráulicos e o Concello de Santiago para a execución de diversas obras de saneamento, depuración de augas residuais e abastecemento de auga en diferentes lugares e parroquias de Santiago. Esta actuación conta cun orzamento de 1.051.630 euros.

O concelleiro de Infraestruturas, Bernardino Rama, anunciou a aprobación do proxecto e do prego de cláusulas para as obras de reurbanización da Rúa Nova de Abaixo. Esta actuación, que seguirá o modelo estético e funcional das últimas rúas reformadas no Ensanche, suporá un investimento de 997.318 euros.

As obras afectarán a toda a rúa, entre a Praza de Vigo e Montero Ríos. Esta rúa ten a particularidade da súa estreiteza, polo que, a petición da Asociación de Veciños do Ensanche, no haberá espazo de carga e descarga entre Santiago de Lestero e e a confluencia co Montero Ríos, para así gañar máis nas beirarrúas. Estas zonas habilitaranse nas proximidades da Praza de Vigo e na propia Montero Ríos.

Esta actuación, que seguirá o deseño de rúas como Xeneral Pardiñas ou República del Salvador, ten un prazo de execución de cinco meses. A previsión é que as obras estean adxudicadas na segunda quincena de marzo.

Compartir: