FESTAS

A música galega e a feira cabalar protagonizan o día grande da Ascensión

09/05/2018 A XVII edición da Feira Cabalar en Amio, a comparsa de cabezudos, a sesión vermú de Cachas & Cousins na praza de Cervantes, as actuacións de Folk na Rúa na zona vella, os concertos de OqueStrada e Caxade na praza da Quintana, a verbena da Orquestra Passarela na Alameda e a actuación de Susana Martínez no escenario Compostela é! Música do Toural marcan o itinerario festivo do día grande das festas.

O xoves da Ascensión revive súa tradicional cita coa feira cabalar no Mercado Nacional do Gando en Amio, que o Concello organiza en colaboración coa Asociación Pura Raza Cabalo Galego e a Escola Oficial de Jueces de Pura Raza Galega. Ás 9:30 horas ábrense as inscricións para participar nos concursos morfolóxicos da XVII edición da feira, na que se repartirán 22 premios directos entre as ganderías inscritas nas seis categorías programadas: Cabalos de Pura Raza Galega, Eguas de Pura Raza Galega, Cabalos Percheróns e Bretóns, Cabalos Cruzados, Eguas Cruzadas e Ponis.

Ás 10:00 h arrancan as probas para Cabalos e Eguas Cruzadas, nas que participan ganderías procedentes de Santiago, Teo, Brión, Vilarmaior, Vedra, O Pino, Pobra do Caramiñal, Riveira, Padrón, Noia, Lousame, Outes, A Baña e Ferrol. Haberá tres premios por categoría dotados con 120 euros, o primeiro premio, 90 euros, o segundo, e 60 euros, o terceiro.

Será a partir das 11:00 h cando principien os concursos morfolóxicos puntuables na XVII edición da Copa Galicia de Pura Praza Galega, para sementais e eguas maiores de tres anos e inscritos no libro xenealóxico da raza. Entre as numerosas ganderías confirmadas para tomar parte na competición hainas procedentes de Oza-Cesuras, Narón, A Estrada, Muras (Lugo), Vimianzo, Boqueixón, Brión e Vilagarcía de Arousa. O reparto de premios segue o esquema das categorías anteriormente mencionadas.

Ás 12:00 h será a quenda dos ponis, con cinco premios nunha única sesión e, ás 12:30 h, a dos integrantes da sección única de Cabalos e Eguas Percheróns e/ou Bretóns, cabalos de tiro, que se disputan o II Trofeo Cabaleiro de Santiago, con ganderías confirmadas procedentes das comarcas de Compostela e Ferrolterra. Neste caso son 5 os premios a repartir, cun valor total de 350 euros.

Na edición de 2018, a Feira recupera a exhibición de andadura tradicional galega, suspendida o ano anterior en loito polo falecemento de Joaquín González Troncoso, quen fora delegado federativo desta modalidade. A partir das 12:00 h, esta exhibición, ao cargo da Cuadra Lino Freire de Oza-Cesuras, tomará de novo a pista paralela á nave central do Mercado.

O reparto dos galardóns nas diferentes categorías arranca as 12:45 h. Contará coa presenza das autoridades municipais, encargadas de entregar o Gran Premio Dragóns de Santiago, Trofeo Institucional do Concello de Santiago de Compostela, que recaerá na egua ou cabalo de Pura Raza Galega que obteña maior puntuación nos concursos morfolóxicos da Feira Cabalar da Ascensión.

A xornada rematará cunha exhibición de doma de alta escola, doma clásica e fantasías ecuestres que será conducida polo presidente da Asociación Pura Raza Cabalo Galego, Xacobo Pérez Paz. Nela, participarán domadoras e domadores como Manuel Piñón Rey, Alberto Borjas Pissa, Paula Feijóo Hermida, Irene Hernández Pérez e Fernando Souto.

Cabezudos, sesión vermú e Folk na Rúa
A mañá das festas déixanos unha nova ocasión de nos divertir coa comparsa de cabezudos, que sae ás 12:30 h do Teatro Principal para levar a súa algueirada polas rúas do Franco e do Vilar, a praza do Toural, as rúas de Orfas e Preguntoiro, a praza de Cervantes, o cantón de San Bieito, e as rúas Travesa, Casas Reais e Fonte Sequelo, até rematar no Teatro Principal.

Ás 13:00 h, a praza de Cervantes acolle a primeira sesión vermú da Ascensión, ao cargo da banda compostelá Cachas & Cousins. As voces de Nerea Bello e Dolores Rei, farán bailar á veciñanza ao ritmo dos sons xamaicanos dos 60. Esta formación de rocksteady, R&B e soul xamaicano xurdida en Santiago en 2014, complétase con Adrián Caamaño (percusión menor), Pablo Vázquez (guitarra), Diego Armando Fernández (baixo), Juan Manuel Lindín (trompeta), Alexander Pérez (saxo) e Francisco Sieira (batería).

Á tarde, a música tradicional de Folk na Rúa encherá as prazas da zona vella compostelá. A partir das 18:00 h, Brincadeira, Cantigas e Agarimos, Colexiata do Sar e Ultreia levarán os seus sons ás prazas de Praterías, Toural, Cervantes e Obradoiro, para concluír o percorrido musical nunha actuación conxunta ás 20:00 horas na praza de Acibechería.

OqueStrada, Caxade e Susana Martínez
O escenario da praza da Quintana acollerá a partir das 22:00 horas o concerto de OqueStrada e Caxade. Da outra beira do Miño, chegan os sons festivos de Marta Miranda (voz), Jean Marc Pablo (contrabaixo), Marina Henriques (acordeón) e João Lima (guitarra portuguesa). A formación lisboeta OqueStrada tráenos unha proposta singular que actualiza a música tradicional portuguesa e mexe o fado a ritmo de funk.

Chegan a Compostela logo de ter pasado por festivais e escenarios de gran sona na contorna europea e internacional, como o Teatre Lliure o Théâtre National de Toulouse, o CCB Fora de Si, ou o Festival de Artes de Macau. O seu primeiro álbum, Tasca Beat: o sonho português (2009), valeulles un disco de platino e o seu último traballo, Atlantic Beat / Mad'in Portugal (2014), fíxoos merecedores do Prémio José Afonso en 2015. Neste álbum, din recuperar con forza o lema "partir para regresar, nun chiscar de ollos ao emigrante que hai en todos nós".

Compartir: