TURISMO

Santiago será sede en setembro do primeiro Congreso Internacional de Altas Capacidades que se celebra en España

09/05/2018 A concelleira de Turismo, Marta Lois, acompañada da vicepresidenta da Asociación de Altas Capacidades de Galicia, Marisa Dequidt; da directora da Unidade de Atención Educativa en Altas Capacidades da Universidade de Santiago, Carmen Pomar; e da xerente de Turismo de Santiago, Flavia Ramil, presentou o Congreso Internacional Noroeste de Altas Capacidades, primeiro destas características que se celebra en España e que terá lugar en Santiago do 14 ao 16 de setembro, cunha asistencia prevista de 350 persoas.

O Congreso está organizado pola Asociación de Altas Capacidades de Galicia, unha asociación sen ánimo de lucro que naceu no ano 1995 como lugar de encontro das familias de nenos e nenas con alta capacidade intelectual. A asociación, con sede na Facultade de Psicoloxía de Santiago, pretende, a través de obradoiros de enriquecemento e saídas culturais, estimular as capacidades dos nenos e nenas e proporcionar un ambiente que facilite a convivencia e o desenvolvemento das habilidades sociais. Na actualidade conta con preto de 300 socios/as.

No evento participarán dous dos maiores expertos mundiais en Altas Capacidades, Joseph Renzulli e Sally Reis. Joseph S. Renzulli é profesor de Psicoloxía da Educación da Universidade de Connecticut, onde tamén desempeña o cargo de director do National Research Center on the Gifted and Talented. As súa investigación céntrase na identificación e desenvolvemento da creatividade e do talento na xuventude e nos modelos de organización e estratexias curriculares para a mellora total da escola.

Sally Reis é profesora de Psicoloxía da Educación e é autora de máis de 250 artigos, libros e monografías. Ten viaxado a través de Estados Unidos dirixindo obradoiros de traballo e asistencia profesional para múltiples distritos escolares co fin de axudar a enriquecer os seus programas de altas capacidade e tamén de igualdade de xénero.

Segundo a Asociación Española de Superdotados e con Talento para Nenos (AEST), considérase dentro das altas capacidades dous conceptos diferentes que son o talento e a superdotación. Dentro do concepto de talento entran aquelas persoas que destacan nun, dous ou tres dos oito tipos de intelixencia (lingüístico-verbal, lóxico-matemática, espacial, musical, corporal cinestésica, intra persoal, inter persoal e naturalista) descritos polo psicólogo Howard Earl Gardner en 1983.

Non obstante, a OMS define como superdotada a toda persoa que supera un coeficiente intelectual de 130 nun test homologado de intelixencia. No obstante, usando a teoría das intelixencias múltiples de Gardner, pode definirse a persoa superdotada como aquela que amosa percentís altos en todos os tipos de intelixencia. Hai un 2% de persoas superdotadas na poboación, das cales só un 10% sabe que é superdotada.

Compartir: