ALCALDÍA E ESPAZOS CIDADÁNS

O alcalde avoga por "un Plan de Xestión reflexionado pola cidadanía e que garanta unha cidade histórica viva e habitada"

08/05/2018 O Auditorio de Galicia acolle hoxe a Conferencia Estratéxica do Plan de Xestión, un encontro que servirá para concretar o contido dese documento que complementará o Plan Especial da Cidade Histórica, actualmente en proceso de revisión. A elaboración deste instrumento é un compromiso coa Unesco, en cumprimento das condicións esixidas por ser Santiago Cidade Patrimonio da Humanidade.

O alcalde foi o encargado de abrir a Conferencia Estratéxica, lembrando que "o principal valor do Plan de Xestión é que será o froito dun proceso de reflexión da propia cidadanía de Compostela". Martiño Noriega reivindicou "a calidade do Plan Especial de 1997 que, aínda que con certos conflitos no seu momento, soubo xerar un enorme consenso que se mantivo no tempo", pero sinalou que "este documento, de carácter fundamentalmente urbanístico, xa non é abondo para que a cidade histórica siga viva e habitada, e de aí a aposta pola elaboración do Plan de Xestión". O rexedor avogou porque este documento "permita responder á principal preocupación: a perda de habitantes na zona vella. E iso significa adaptala ás necesidades da sociedade contemporánea".

Retos e oportunidades
Na inauguración da Conferencia Estratéxica tamén interveu o codirector do Plan de Xestión. Juan Requejo reiterou que "o Plan Especial foi exitoso porque garantiu a conservación do patrimonio cando estaba ameazado polo mercado". Agora, insistiu, "é preciso dar un paso máis, facelo coa implicación activa de todos e todas". Requejo sinalou que Compostela ten por diante "tres grandes retos que son tamén grandes oportunidades: poñer en valor o coñecemento que xorde da USC, sobre todo no relativo ao proceso de descarbonizació;, os Camiños de Santiago, que nos dan unha posición privilexiada e de interrelación no mundo; e a marca Santiago, que é coñecida en todo o mundo".

Conferencia Estratéxica
A Conferencia Estratéxica organizouse ao redor de varios grupos de traballo,. Na primeira quenda analizáronse os temas relacionados coa habitabilidade da cidade histórica, a paisaxe urbana e as actividades culturais. Nunha segunda ronda falouse de turismo, actividades produtivas urbanas, innovación e coñecemento e patrimonio. Na sesión da tarde presentaranse as conclusións do proxecto.

Compartir: