URBANISMO

O novo campus docente de Peleteiro, para 2009

08/01/2007 Tal como anunciara o alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo, a Xunta de Goberno local aprobou inicialmente o Plan especial do equipamento docente no Monte Redondo (D-19), do Colexio Manuel Peleteiro. Nestes terreos, entre a estrada C-541 (Santiago- A Estrada) e a autovía de Santiago a Ourense, construiranse unhas instalacións que custarán 21 millóns de euros e estarán listas, previsiblemente, para os primeiros meses de 2009.

Será entón cando se poida realizar o traslado dende as actuais instalacións do centro da cidade ás novas, dun tamaño moito maior. Na área de hoxe a Corporación Caixa Galicia levará a cabo un proxecto que contempla un máximo de 12.000 metros cadrados para uso terciario, aparcadoiro e unha área residencial comunitaria, entre outras dotacións.

O novo campus docente comprende un ámbito de actuación de 68.822 metros cadrados. Alí construiranse unhas instalacións que pretenden ser unha referencia en Galicia e que inclúen tres módulos diferenciados para infantil, primaria e secundaria. Entre as instalacións comúns destaca un salón de actos, un ximnasio, residencias masculina e feminina, un polideportivo e outras aulas e servizos complementarios.

Obras de rehabilitación

A Xunta de Goberno tamén aprobou unha serie licenzas a prol do Consorcio de Santiago para obras de rehabilitación. En concreto, trátase da conservación e rehabilitación na igrexa de San Martiño de Aríns (43.430 euros de investimento); da restauración da igrexa-convento das Mercedarias, na Rúa Fonte de Santo Antonio (72.424 euros) e do acondicionamento da nave-horta de San Martiño Pinario para taller do Obradoiro de restauración en enlousados de pedra na Praza de San Miguel dos Agros (43.396 euros).

Compartir: