CONSORCIO E ACCIÓN CULTURAL

A Real Filharmonía de Galicia e a Banda Municipal de Música ofrecen este venres un concerto conxunto gratuíto na praza da Quintana, no marco das festas da Ascensión

07/05/2018 A Real Filharmonía de Galicia e a Banda Municipal de Música de Santiago van ofrecer un concerto conxunto este venres na praza da Quintana, no marco das festas da Ascensión. A actuación, que será gratuíta, servirá para conmemorar o 170º aniversario da Banda. Comezará ás 20:30 horas e, en caso de choiva, trasladarase ao Auditorio de Galicia. Dirixirán o conxunto Maximino Zumalave, director asociado da RFG e Casiano Mouriño, director da Banda. Para asistir a este concerto será necesario retirar invitación no Teatro Principal. Están dispoñibles no despacho de billetes en horario de 18:00 a 21:00 horas.

É a primeira vez que ambas as agrupacións comparten escenario simultaneamente, debido a que "non é moi habitual ver actuar xuntas a unha orquestra e unha banda, é algo extraordinario", destaca Casiano Mouriño. O director da Banda explica que "eliximos un repertorio especial para a ocasión, moi variado en épocas e estilo e, aínda que foi complexo adaptar as partituras, estamos moi orgullosos de colaborar coa Real Filharmonía de Galicia e con Maximino Zumalave nesta marabillosa experiencia".

O concerto comezará co Entroido romano de Héctor Berlioz, inspirado nas festas de Entroido en Roma, coa que se transmitirá un grande ambiente festivo.

Unha obra de estrea centrada nas bombas de Hiroshima e Nagasaki
A continuación estrearase a obra What do you think about the dropping of atomic bombs in Hiroshima & Nagasaki? (Que pensas sobre o lanzamento das bombas atómicas en Hiroshima e Nagasaki?), un encargo da Banda Municipal de Música de Santiago ao compositor galego Antón Alcalde (Rianxo, 1992).

Trátase dunha obra de 15 minutos de duración, escrita para gran orquestra e electrónica. Tal como explica o autor, "o título é unha declaración de intencións. Unha pregunta formulada para a reflexión moral como especie e como parte dun ecosistema maior: Que opinas do emprego de bombas atómicas sobre poboación civil e ecosistemas biolóxicos concretos?, que opinas sobre que, 73 anos despois do holocausto de Hiroshima e Nagasaki, a humanidade dispoña dun arsenal nuclear estimado en máis de 16.000 proxectís, cunha capacidade de destrución unhas 3.300 veces superior ás detonadas en agosto de 1945?".

Con estas preguntas en mente, a obra toma como punto de referencia os Paneis de Hiroshima, dos artistas xaponeses Iri e Toshi Maruki. Dos quince paneis que conforman esta colección, o galego seleccionou cinco para compoñer esta peza, dispostos como micro-movementos interconectados e ordenados cronoloxicamente: pantasmas, lume, auga, arco iris e deserto atómico. "Cada movemento representa un microcosmos, extrapolado da impresión causada pola observación de cada panel, que tiven a sorte de contemplar na exposición ofrecida polo Museo de Arte Contemporánea de Hiroshima en 2014", indica o compositor.

Un programa festivo cun final triunfal, a Obertura 1812 de Chaikovski
O público terá ademais a oportunidade de gozar co Danzón nº 2 do mexicano Arturo Márquez, unha obra influenciada polo danzón, os ritmos populares e a música mexicana de concerto. Logo soará o popular pasodobre Puenteareas, do galego Reveriano Soutullo. E a cita concluirá coa Obertura 1812 de Chaikovski, escrita orixinariamente para banda e orquestra, unha obra romántica composta para conmemorar a vitoriosa resistencia rusa fronte ao gran exército de Napoleón Bonaparte; recoñecida especialmente polo seu final triunfal, que inclúe unha salva de disparos de canón e repique de campás.

Unha Banda cunha traxectoria de 170 anos
A Banda Municipal de Música de Santiago é unha das máis antigas e destacadas de Galicia e do resto de España. Naceu en 1848 e ao longo da súa historia estivo moi presente na vida cultural de Compostela, celebrando concertos públicos, participando en numerosos actos organizados polo Concello, asistindo a procesións de Semana Santa e a outras festas da cidade.

Na actualidade, a Banda acode á súa cita cos composteláns cada domingo, ofrecendo concertos onde se pode gozar dun repertorio que vai dende o pasodobre ata obras sinfónicas, pasando pola música tradicional. Está dirixida polo mestre Casiano Mouriño e ten a súa sede no Auditorio de Galicia. Dentro do seu traballo cotián, segue enriquecendo o seu variado repertorio, dende numerosas transcricións de obras clásicas de compositores de todas as épocas, zarzuelas, ata obras sinfónicas específicas para banda de compositores actuais en especial de autores galegos; xunto ao seu labor didáctico para centros educativos.

Compartir: