ALCALDÍA

O alcalde recibe a José Sierra, novo presidente da Cámara de Comercio

07/05/2018 O alcalde recibiu hoxe o novo presidente da Cámara de Comercio, na que foi unha primeira toma de contacto dende que José Sierra asumiu o cargo en substitución de Jesús Asorey. Martiño Noriega reiterou o apoio do Concello á entidade cameral "porque para Santiago é importante ter unha Cámara de Comercio dinámica".

O alcalde recoñeceu que "para o Concello é un motivo de tranquilidade a transición que se está facendo na Cámara de Comercio cara un novo equipo directivo con solvencia e autoridade". Martiño Noriega salientou que "é importante que Santiago conte cunha Cámara dinámica, que traballe en prol dos emprendedores e apoie a internacionalización das empresas", e por iso mostrou o apoio do Goberno local aos proxectos nos que xa existe colaboración entre ambas partes e expresou a súa disposición a estudar novas iniciativas que xurdan da nova directiva.

O presidente da Cámara de Comercio agradeceulle ao alcalde "o seu compromiso coa entidade e o seu convencemento de que as cámaras de comercio teñen que xogar un papel importante, malia ao desprestixio que estas entidades sufriron a nivel estatal nos últimos anos". José Sierra avogou por poñer en valor novamente as cámaras de comercio, que "exerceron un papel fundamental en cuestións como a internacionalización das empresas". Tamén lembrou que a Cámara "tivo moito que ver en que en Santiago teñamos servizos como a Oficina de Tráfico ou o Rexistro Mercantil, e por iso hai que loitar para que a entidade se manteña vital na capital galega".

Compartir: