EDUCACIÓN E CIDADANÍA

Comezan as representacións da XXIII edición do Certame de Teatro Intercentros

07/05/2018 O concelleiro de Educación e Cidadanía, Manuel Dios, asistiu este luns no Teatro Principal á primeira sesión da XXIII edición do Certame de Teatro Intercentros, que se celebra os días 7, 8, 21 e 22 de maio.

O Certame de Teatro Intercentros, organizado polo Departamento de Educación e Cidadanía e a Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística, segue ofrecendo a alumnado de Primaria, Secundaria e Bacharelato de Santiago e comarca a oportunidade de amosar ao público o traballo teatral realizado ao longo do curso nos centros escolares.

Os preparativos do certame comezan ao principio do curso, no que se constitúen os grupos, se deciden as obras a interpretar, os vestiarios ou o decorado, e se ensaian as técnicas básicas da interpretación teatral. Chegado este mes de maio, todas as obras son interpretadas no Teatro Principal nunhas funcións abertas ao público.

Calendario
As representacións desta primeira xornada comezaron coa obra Odisea polo universo de Agustín Fernández Paz, da man dos alumnos e alumnas do IES Eduardo Pondal. Máis tarde foi a quenda do CPI Plurilingüe Eusebio Lorenzo Bailerón, de Dodro, coa obra A arboriña de Nadal. Xa pola tarde está programada a intervención do IES Rosalía de Castro, coas obras Pelagatos e Ágora, ás 17:30 e 20:00 horas, respectivamente.

Mañá martes 8 de maio, pola mañá, os alumnos e alumnas do IES Antón Fraguas subirán ás táboas do Principal para representar Universos de lectura e As instancias da morte, en horario de mañá. Xa pola tarde é a vez do IES Pontepedriña, con Over the rainbow, e do IES Xelmírez I, con Punto de fuga. As representacións dos institutos de secundaria chegarán á súa fin o 21 de maio co traballo do CPI dos Dices-Rois, A taberna do Chato.

O alumnado dos colexios de primaria realizará as súas obras teatrais os días 21 e 22 de maio, día no que se porá fin a esta edición número 23 do Festival de Teatro Intercentros. Así, o alumnado do CEIP de Roxos interpretará Restaurante Farruco o 21 de maio ás 10:30 horas. Unha hora máis tarde é a quenda do CEEPR Aspanaes con Así é o meu corazón. O 22 de maio, ás 10:30 horas, o Colexio San Jorge traerá para todos os públicos a obra Monstros. Pechará o certame o CEIP López Ferreiro, con Rillotes.

Direccións relacionadas



Compartir: