XUNTA DE GOBERNO

Aprobados os prazos de inscrición no Programa de Conciliación de Verán

04/05/2018 A Xunta de Goberno aprobou este venres os prazos de inscrición no Programa de Conciliación de Verán que organiza o Departamento de Educación e Cidadanía. Será do 16 ao 31 de maio, e o programa desenvolverase nos período das vacacións do verán nos CEIPs das Fontiñas e Raíña Fabiola.

O Programa de Conciliación está destinado ao alumnado de Educación Infantil e Primaria, e ten como obxectivo axudar á conciliación familiar e laboral no tempo de vacacións. Os nenos e nenas poderanse inscribir en varios horarios e modalidades, asistindo só ás actividades ou incluíndo os servizos de madrugador con almorzo e/ou comedor. Tamén poderán asistir por días soltos ou nas quendas establecidas.

Outros acordos
A Xunta de Goberno tamén aprobou hoxe a autorización para a ocupación da vía pública na Alameda durante as festas da Ascensión e do Apóstolo para este ano e o que vén. Neste 2018, a autorización será do 5 ao 20 de maio para a Ascensión e do 18 ao 31 de xullo para as Festas do Apóstolo. A empresa autorizada deberá pagar un canon de 99.700 euros.

Na reunión de hoxe tamén recibiron luz verde dous convenios de colaboración, un deles co Ateneo, que suporá unha achega municipal de 20.000 euros; e outro con Decathlon, que non ten carga económica e que ten como obxectivo promover a celebración da I Marcha Ciclista Escolar.

Documentos relacionados

Direccións relacionadas



Compartir: