XUNTA DE GOBERNO

Rexeitadas as alegacións de Setex e aprobada a liquidación do contrato da ORA e o guindastre

04/05/2018 A Xunta de Goberno aprobou hoxe a liquidación definitiva do contrato dos servizos da ORA e o guindastre, que fora declarado nulo por sentenza xudicial. O Executivo local tamén rexeitou as alegacións ao respecto presentadas pola empresa adxudicataria, Setex Aparki.

A primeira tenente de alcalde María Rozas foi hoxe a encargada de dar conta dos acordos da Xunta de Goberno. Segundo explicou, "a liquidación aprobada hoxe é plenamente coincidente coa que xa recibira luz verde en marzo, despois de que se desbotaran todas as alegacións presentadas pola empresa". Deste xeito, Setex deberá abonarlle ao Concello, en concepto de indemnización por danos e perdas, algo máis de 630.000 euros. Desta cifra, a empresa xa ten ingresados nas arcas municipais 120.000 euros.

Ademais, queda pendente de fixar o importe da indemnización polo canon fixo, que será actualizado cando Setex deixe de prestar o servizo. A liquidación tamén estima que os bens e equipos adscritos aos servizos da ORA e do guindastre, como os parquímetros, deben reverter ao Concello.

Pola súa parte, o Concello deberá devolverlle á empresa case 337.000 euros, en execución dunha sentenza xudicial de maio de 2016 que, tal e como lembrou María Rozas, "sinalaba que o cálculo do canon variable que debía percibir a empresa non estaba feito correctamente". Ademais, a liquidación deixa a porta aberta a que o Concello lle repercuta a Setex Aparki a indemnización que a xustiza podería obrigar a abonar á empresa Doal, segunda clasificada no concurso de adxudicación declarado nulo.

Documentos relacionados

Direccións relacionadas



Compartir: