FESTAS

Comeza o reparto de entradas e convites para os espectáculos da Ascensión

03/05/2018 Coas festas da Ascensión ás portas, Acción Cultural principia a distribución de entradas e invitacións para os espectáculos e actividades de acceso limitado que se inclúen no programa. Entre elas, as entradas para a XXI edición da Festa dos Maiores en Amio, que comezaron a venderse onte no Teatro Principal. Cun prezo de de 7,50 euros, inclúen xantar e actuación musical do grupo Alma Latina, e poderanse adquirir ata o 11 de maio no despacho de billetes do Teatro e en horario de 11:00 a 14:00 horas.

Será mañá venres cando se abra o prazo para retirar as invitacións gratuítas ao concerto conxunto que a Banda Municipal de Música de Santiago de Compostela e a Real Filharmonía de Galicia ofrecerán na praza da Quintana a vindeira semana. O venres, 11 de maio ás 20:00 horas, e con motivo da celebración do 170 aniversario da BMSC, as formacións reuniranse por primeira vez nun mesmo escenario para interpretar un programa que mestura pezas de H. Berliok, A. Márquez, R. Soutullo, e I. Chaikovsky, e inclúe a estrea mundial de What do you think about the dropping of atomic bombs in Hiroshima & Nagasaki?, do compositor galego Antón Alcalde. Casiano Mouriño e Maximino Zumalave asumirán a batuta nesta ocasión. Os convites poderanse recoller no despacho de billetes do Principal en horario de 18:00 a 21:00 horas.

No mesmo lugar e horario poñeranse a disposición do público as invitacións para asistir ás sesións de microteatro da festa especial para público infantil e familiar que Acción Cultural programa para a fin de semana. O sábado 12 e domingo13 de maio, nenos e maiores poderán asistir de balde a un feixe de peciñas teatrais por conta de artistas e compañías galegas como Marta Ortiz, Avelino González, Fátima Villamel, Pablísimo, Elefante Elegante, Martín Camiña, Vero Rilo, Anxo García, Larraitz Urruzola, Ana Carreira, Ghazafelhos e Charo Pita. Haberá tamén concertos de Trotaventos, Oviravai e Gatuxo.

Mentres se ultiman os preparativos para as festas picheleiras por excelencia, esta fin de semana instalaranse na Alameda as atraccións das festas. A partir do sábado, 5 de maio, veciñanza e visitantes poderán desfrutar deste espazo de recreo e espallamento que permanecerá no parque até o 20 deste mes.

Direccións relacionadas



Compartir: