ACCIÓN CULTURAL

O Auditorio exporá as fotografías galegas de Francesc Català-Roca

03/05/2018 Cando se cumpren vinte anos do pasamento de Francesc Català-Roca (Valls, Tarragona, 1922 – Barcelona, 1998), o Auditorio de Galicia presenta unha importante escolma da obra dun dos fotógrafos capitais na historia da imaxe. O 9 de maio, ás 20:00 horas, a Sala Isaac Díaz Pardo acollerá a inauguración da mostra Turismo e fotografía. Català-Roca en Galicia 1956-1976, coproducida polo Concello de Santiago, o Auditorio de Galicia, o Concello da Coruña e o Kiosko Alfonso.

Esta exposición é froito dun longo traballo de investigación do artista e editor Anxo Rabuñal a partir dos fondos depositados no Arxiu Català-Roca do Collegi Oficial d'Arquitectes de Catalunya, e conta coa colaboración de Agar Ledo. Presenta 116 imaxes, algunhas delas inéditas, escolmadas entre o milleiro de fotografías que Català-Roca tomou nas sucesivas viaxes que realizou a Galicia ao longo de 20 anos e que o habían levar por unha trintena de vilas do noso país.

A mostra foi presentada esta mañá nunha rolda de prensa na que participaron a concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra; o director da Área de Cultura, Deportes e Museos Científicos do Concello da Coruña, Miguel Ángel Martín; e o comisario da exposición, Anxo Rabuñal. Novoneyra convidou a veciñanza a "re-descubrir a nosa terra a través dos ollos de Català-Roca, un auténtico curioso, devorador de rostros e de paisaxes, que fía a través das súas imaxes 20 anos da historia do país e nos ofrece un relato libre de estereotipos e cheo de viveza".

Premio Nacional de Artes Plásticas en 1983, cando por vez primeira se concedía a un fotógrafo, e tamén primeiro fotógrafo con obra incorporada á colección permanente do Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía, Català-Roca documentou boa parte da xeografía española durante a segunda metade do século XX. Fíxoo ao servizo de editoras que publicaban as guías turísticas de recente aparición, un xénero literario en auxe que constataba a importancia que o turismo ía adquirir na España do desarrollismo. Turismo e fotografía. Català-Roca en Galicia 1956-1976 recupera a crónica fotográfica das sete campañas que o fotógrafo catalán realizou en Galicia entre 1956 e 1976, por encargo da Dirección General de Turismo. Ao longo de 20 anos, o fotógrafo documentou a xeografía galega amosando a realidade social e o contexto socio-político do tardofranquismo.

Esta exposición achéganos a un autor que retrata a contemporánea irrupción do turismo fuxindo dos estereotipos e o folclorismo, e rexistra con dignidade e humor a vida cotiá, o traballo e a festa. Nela, as fotografías preséntanse sen enmarcar, abrazadas ao bastidor e sen elementos alleos á propia imaxe, respectando o modo que tiña Català-Roca de amosar a súa obra, sen artificios e afastadas de calquera pretensión artística. Ademais das fotografías en branco e negro, ofrécese unha pequena escolma de fotografías a cor, elemento xa presente nas diapositivas das últimas viaxes a Galicia.

A mostra Turismo e fotografía. Català-Roca en Galicia 1956-1976 inaugúrase o mércores 9 de maio ás 20:00 horas e permanecerá no Auditorio ata o 7 de outubro. A entrada é de balde e o horario de visitas é de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 19:00 horas, de luns a domingo.

Català-Roca en Compostela
A exposición alberga fotografías das 28 vilas e cidades que Català-Roca percorreu nas súas viaxes. Entre elas, topamos instantáneas da Coruña, Noia, Ribadavia, Vigo, Betanzos, Lugo, Bueu, Sanxenxo, O Cebreiro ou Ourense... e tamén de Compostela. Nunha das visitas que realizou en Galicia, Català-Roca foi testemuña da campaña de promoción turística arredor do Ano Santo Compostelán de 1965, momento no que o sector se destapou como un potente motor de mercado e de transformación social.

Nese ano, o fotógrafo retrata o Burgo das Nacións, daquela un conxunto de albergues provisorios para acoller aos turistas e peregrinos que se achegaron á cidade con motivo da celebración. 387 peregrinacións organizadas, que se aloxaron no edificio proxectado polos arquitectos Julio Cano Lasso, Rafael de la Hoz e Javier González-Garra Santoro. O Burgo foi un proxecto pioneiro da construción prefabricada, reconvertido logo en residencia universitaria, que ocupou os terreos nos que agora se sitúa o Auditorio de Galicia, lugar que acolle esta mostra. Nos meses que funcionou como albergue de peregrinos hospedou a 150.000 persoas. Català-Roca retratouno con sobriedade, pero contextualizado no seu tempo: algún coche estacionado, turistas vestidos á moda da época, grandes maletas de coiro con asas...

A ollada do fotógrafo catalán pousouse tamén na Compostela monumental e liberouna da súa solemnidade pétrea para enchela de xente. As imaxes de Català-Roca rexistran o vivir da cidade a través das súas persoas: as vendedoras da praza de Abastos, os nenos xogando na rúa, as leiteiras de Calo, os homes na festa, uns cregos que pasan, as Marías... Imaxes mestras, que traspasan as fronteiras entre fotografía artística e documental e rexistran con gran beleza a realidade social dunha Compostela moderna, en movemento e diversa.

Compartir: