ACCIÓN CULTURAL E TURISMO

A Ascensión, os actos do Día das Letras e do Día dos Museos centran a "Compostelánea" de maio

02/05/2018 Xa está dispoñible para a descarga o número de maio da Compostelánea, a publicación mensual que elaboran conxuntamente Acción Cultural e Turismo de Santiago para informar a residentes e visitantes das propostas culturais e turísticas da cidade. Na súa 22ª entrega, o boletín dedica a portada e a reportaxe principal á programación das festas da Ascensión, que este ano se celebran do 9 ao 13 de maio. O cartaz deseñado pola ilustradora galega Iria Ribadomar abre, así, a información sobre un intenso mes de actividades no que conflúen o Día Das Letras Galegas e o Dia Internacional dos Museos, e que vén cargado de espectáculos de teatro e danza, exposicións, concertos e cinema. Os exemplares impresos do caderno cultural chegarán mañá xoves aos puntos de información información turística, centros socioculturais, locais de hostalería e museos da cidade.

A vindeira semana, Compostela celebra as súas festas municipais e o caderno cultural e turístico do Concello de Santiago faise eco das súas principais propostas. As páxinas centrais da Compostelánea debullan as numerosas citas musicais presentes no programa das festas, cos concertos da praza da Quintana e os do Toural, as sesións vermú en Cervantes, as orquestras da Alameda, as actuacións de rúa das corais e formacións tradicionais, o V Ciclo de Música de Cámara e o concerto dominical da BMSC no Vilar. Recolle tamén a programación festiva que o Teatro Principal dedica durante a fin de semana ao público infantil e familiar, con numerosas sesións de microteatro e concertos por conta de artistas e compañías teatrais do país. Ademais, inclúe actividades tradicionais moi queridas pola veciñanza, como os desfiles de cabezudos, a romaría na Alameda, o XLII Torneo da Chave, o Concurso Cabalar ou a Festa dos Maiores do sábado 12 no recinto feiral de Amio. As entradas para a 21ª edición desta festa, con xantar e actuación musical do grupo Alma Latina, saen hoxe mércores á venda a un prezo de 7,50 euros, e poderanse adquirir até 11 de maio no despacho de billetes do Teatro Principal, en horario de 11:00 a 14:00 horas.

Actividades en homenaxe a María Victoria Moreno
Con motivo do día das Letras Galegas o 17 de maio, agroman numerosas actividades que homenaxean a figura da escritora e mestra de orixe valenciana que adoptou o galego como lingua propia e que amosou a súa riqueza en múltiples contornas, disciplinas e formatos. É o caso da exposición pictórica sobre as paisaxes e personaxes da súa obra que poderemos ver na Biblioteca Ánxel Casal dende o 9 de maio, ou a exposición bibliográfica que o Museo do Pobo Galego inaugura o día 15 de maio e que estará aberta até o 10 do mes que vén. As páxinas da Compostelánea tamén dan conta dos paseos guiados cos que Acción Cultural celebra as Letras Galegas o 16, 17 e 18 de maio. O do día 17 inclúe un recital de Celia Parra e a actuación musical de Alba María. A inscrición para todos eles é de balde previa reserva no enderezo electrónico paseos.compostela@maos.gal ou no teléfono. 694 474 166.

O número de maio inclúe tamén información sobre a conferencia que o escritor Xesús Rábade dedica María Victoria Moreno no Ateneo o luns 14, a lectura colaborativa da obra da autora na Cidade da Cultura, o martes 17, e o concerto especial que Banda Municipal de Música de Compostela ofrece con Cantorum Compostellana Coniuntio ese mesmo día no Teatro Principal.

O Día Internacional dos Museos
Outro dos fíos que artellan a programación cultural do mes é a celebración do Día Internacional dos Museos o 18 de maio, este ano baixo o lema "Museos hiperconectados: novos enfoques, novos públicos". Con esta premisa, os museos de Compostela apostan por establecer "marcos de colaboración e de traballo conxunto nos que compartir recursos, aumentar a visibilidade, crecer e seguir mantendo a esencia social, colectiva e pública". A Compostelánea recolle as numerosas actividades organizadas conxuntamente polo Museo do Pobo Galego, a Fundación Eugenio Granell, o Museo das Peregrinacións e de Santiago, o CGAC, o Museo Catedral, o MUPEGA Museo pedagóxico de Galicia, o Museo Casa de la Troya e Museo de Historia Natural. Xornadas de portas abertas, itinerarios e lecturas literarias, visitas guiadas, ciclos de música e cinema, obradoiros para público infantil e adulto, e exposicións que encherán a cidade durante todo o mes.

Música, teatro e danza
A axenda de maio ofrece numerosos espectáculos de teatro e danza no Principal, entre os que topamos as coreografías urbanas do Avalanche, da Dani Pannullo Dance Theatre Co. (sábado 5); a reflexión sobre os códigos de xénero e sexualidade no flamenco que Fernando López presenta en Bailar en hombre (xoves 24); a revisión en clave cómica do clásico Electra pola Companhia do Chapitó (venres 25); e o PumPum! de BaoBab Teatro para público infantil e familiar (sábado 26). O 18 e 19 de maio, o humor de Carlos Blanco e Xosé Touriñán encherá o escenario do Auditorio de Galicia co espectáculo Somos criminais. Durante o mes teremos, ademais, dúas novas oportunidades de ver os resultados dos procesos creativos das residencias artísticas na Sala Agustín Magán, cos proxectos Ohlimpiadas, de Desincronacidas (venres, 11), e Carpe Diem, de Producións Excéntricas (xoves, 31). O mesmo Centro Sociocultural de Santa Marta servirá de escenario o día 30 para o teatro musical Pitusa Semifusa, un espectáculo de Olga Brañas e a súa banda dirixido a público infantil e familiar.

A programación teatral do mes complétase coas últimas funcións da XIX Mostra do Teatro Universitario de Galicia que os grupos ARTías, Faisca, Lobishomes, Polaroid e Vacaloura, todos eles da USC, levarán á Sala Roberto Vidal Bolaño e ao Teatro Principal.

No apartado musical, canda os dous últimos concertos da tempada de abono da RFG e as propostas da Banda Municipal de Música no seu 170 aniversario, destacan as actuacións de Luz Casal no Auditorio de Galicia (o sábado 5) e de Manolo García no Palacio de Congresos (o sábado 26). Durante este mes outros moitos concertos encherán as salas e locais da cidade con propostas que van dende o flamenco ao hip-hop, pasando pola nova psicodelia e o pop máis pegadizo.

Catalá-Roca en Galicia
O 9 de maio inaugúrase no Auditorio de Galicia a exposición Turismo e Fotografía, Catalá-Roca en Galicia (1956-1976), coproducida entre o Concello de Santiago de Compostela-Auditorio de Galicia e o Concello de A Coruña-Kiosco Alfonso. A mostra, comisariada por Anxo Rabuñal coa colaboración de Agar Ledo, recupera a crónica gráfica das sete campañas que este autor fundamental na historia da fotografía universal realizou a Galicia entre 1956 e 1976, e nas que retratou luminosamente e con humor a vida cotiá das persoas, o traballo, a festa, o Ano Santo de 1965, o Burgo das Nacións e a contemporánea irrupción do turismo. É froito dun longo traballo de investigación sobre as máis de 200.00 fotografías rexistradas polo fotógrafo entre 1948 e 1998, e depositadas no Arxiu Catalá-Roca do Col.legi Oficial d'Arquitectes de Catalunya, en Barcelona.

Cinema
Canda a información das estreas e filmes que poderemos ver durante este mes nas carteleiras santiaguesas, a Compostelánea de maio anuncia a seguinte sesión do ciclo "A cor das palabras. Encontros de cineastas", unha iniciativa de Acción Cultural en colaboración con NUMAX, que trae á cidade a importantes cineastas do panorama actual. O 19 de maio é tempo para o encontro con Andrés Goteira, o director meirense que vén de facer historia nos Premios Mestre Mateo ao acadar 13 galardóns polo seu filme Dhogs.

Direccións relacionadas



Compartir: