ALCALDÍA

Recepción á Asociación Europea de Cafés Históricos

02/05/2018 O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, e a concelleira de Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois, recibiron os/as representantes da Asociación Europea de Cafés Históricos, con motivo da celebración en Compostela do 3 ao 5 de maio das xornadas xornadas "Os cafés, patrimonio cultural a través do tempo".

As Xornadas Os cafés, patrimonio cultural a través do tempo celebraranse na Fundación Gonzalo Torrente Ballester, na rúa do Vilar, os días 3, 4 e 5 de maio. O seu programa inclúe precisamente a presentación oficial en España da Ehica (European Historic Cafes Association – Asociación Europea de Cafés Históricos). Esta correrá a cargo do presidente desta entidade, o grego Vasilis Stathakis, propietario do emblemático Café Kipos de Creta.

A asociación, creada no 2014, é a única entidade neste eido con alcance continental e reúne na actualidade a máis dunha vintena dos cafés históricos máis emblemáticos de Europa, un dos cales é o Café Casino de Compostela. Unha das súas principais finalidades é a preservación e o recoñecemento dos locais más significativos do continente é establecer unha ruta europea de cafés con historia.

Tres xornadas, catro temáticas
O programa das Xornadas Os cafés, patrimonio cultural a través do tempo estrutúranse en catro bloques compostos de intervencións e tertulias baixo o epígrafe de Café Patrimonio. Así, na primeira xornada falarase sobre "O patrimonio gastronómico e hosteleiro en Galicia. A nova cociña". Participarán, entre outros, o barista Óscar de Toro, que dirixirá unha degustación de café; o chef Alberto Lareo, que tratará a maridaxe do café na cociña en Galicia; e recoñecidos cafés de España e Portugal como o Novelty de Salamanca ou o Santa Cruz de Coimbra, que protagonizarán unha tertulia sobre os cafés históricos europeos, ou a xornalista Trinidad Palacios, que abordará os vínculos entre o café e o feminismo.

O día 3 de maio pecharase coa inauguración oficial das Xornadas. O acto terá lugar ás 19:00 horas e estará presidido polo alcalde compostelán.

A segunda xornada centrarase no "Patrimonio turístico e a súa reinterpretación". As achegas sobre esta temática serán realizadas, entre outros, pola profesora da Universidade da Coruña María Elvira Lezcano e, xa pola tarde, o escritor Alfredo Conde e a investigadora e especialista na vida e obra de Torrente Ballester, Carmen Becerra abordarán nun coloquio o tema "O fenómemo da tertulia: dende a butaca ao café de banqueta".

O venres 4 de maio tamén terá lugar a presentación oficial en España da Ehica. Desenvolverase arredor das 11:00 horas e contará coa presenza do presidente desta asociación, que estará acompañado tamén polo xerente do Café Casino de Santiago, Antonio Riveiro, e o director das Xornadas, Fernando Franjo, representante en España da Asociación Europea de Cafés Históricos.

A xornada do sábado 5 de maio versará sobre "A promoción e xestión cultural nos cafés galegos", coa participación do xestor cultural José Víctor Carou e distintos promotores culturais de Compostela.

No programa figura unha serie de actividades paralelas. A Fundación Torrente Ballester acollerá durante as xornadas unha exposición das teteiras do escritor ferrolán, a mostra fotográfica Os cafés de Torrente Ballester, de Vari Caramés, así como unha cata comentada de licor café de Galicia a cargo do Consello Regulador das Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia e un concerto de música en directo a cargo de Cardigan Bridge.

Direccións relacionadas



Compartir: