ALCALDÍA

O Goberno local convocará un pleno extraordinario co fin de aprobar o convenio para a construción da pasarela da intermodal

27/04/2018 O Goberno prevé convocar a próxima semana o pleno extraordinario no que se aprobará o convenio coa Consellería de Infraestruturas e Vivenda e ADIF para a construción da pasarela peonil da futura estación intermodal. Na mesma sesión emendarase o erro detectado na anualización das achegas que o Concello fará para financiar esa actuación.

O alcalde asegurou hoxe que "a aprobación do convenio para a construción da pasarela peonil será tramitada en maio, e antes do pleno ordinario deste mes". Martiño Noriega explicou que "na mesma sesión quedará corrixida a errata detectada na anualidade do 2019 para a obra, erro que ten que ver co feito de que as administracións implicadas se tiveran intercambiado diversos borradores do convenio, con diferentes consignacións, antes de chegar ao texto definitivo". O rexedor restoulle importancia a esta incidencia lembrando que "o único orzamento municipal en vigor é o de 2018, e nel está ben recollida a achega que ten que facer o Concello nesta anualidade" e apuntou que "o Consello de Ministros xa lle deu luz verde ao convenio, mesmo antes de que os Orzamentos Xerais do Estado estean aprobados".

Convenio
O convenio entre o Concello, a Consellería de Infraestruturas e Vivenda e o ADIF permitirá construír a plataforma peonil vinculada á futura estación intermodal, que conectará a terminal ferroviaria coa estación de autobuses e ao tempo servirá de conexión entre o Ensanche co barrio de Pontepedriña. O proxecto está orzado en case seis millóns de euros. Dese custo, o Concello asumirá 1,7 millóns de euros, cantidade idéntica á que será achegada pola Xunta. O resto, 2,3 millóns de euros, será financiado por ADIF.

Compartir: