LINGUA

Xa se coñecen os vídeos gañadores do certame Enreguéifate 2018

26/04/2018 O xurado do certame Enreguéifate vén de dar a coñecer cales son os 14 vídeos gañadores da convocatoria, que promoven os concellos de Santiago, Ames, Teo e Carballo. Foron máis de 70 os traballos presentados. Os premios entregaranse durante a celebración da Regueifesta, o 2 de maio no Auditorio de Galicia.

Na categoría xeral, a regueifa máis brava foi para As Pataqueiras, de Coristanco, por un vídeo titulado "A batalla interxeracional". A regueifa máis aguda outorgouse de xeito compartido entre Os Conxugadores, do barrio compostelán de Conxo, por "O regueibaile", e Elektrofadas, de Vigo, por "Regueifa de maiores contra pequenas". En canto á regueifa máis diversa foi para Inter.regueifam, de Viveiro, por "O ensaio"; a máis reivindicativa levouna a Chavalada da Pontragham, de Tordoia, por "Re-enregueifándonos na Pontragha"; e a mellor cantada foi para Entre Nós, de Malpica, por "Regueifa das xeracións". Por último, a regueifa mellor falada na categoría xeral levárona as Regueifeiras da Ameixenda, de Ames, por "Regueifa das amigas".

Na categoría escolar, a máis concorrida, a regueifa máis brava foi para o CPI Poeta Uxío Novoneyra, de Pedrafita do Cebreiro, por "Regueifa do Cole Rural"; a máis aguda para o CEIP Gonzalo Torrente Ballester, de Cambre, por "Persoeiros regueifeiros"; a máis diversa para o CEE Manuel López Navalón, de Santiago, por "Emoticonas, sistemas alternativos de comunicación"; a máis reivindicativa outorgouse de xeito compartido para o IES Plurilingüe de Ames, por "Regueistyle" e o CEIP Ana María Diéguez (Asados-Rianxo), por "A regueifa do pucho do monte"; a mellor cantada foi para o IES Perdouro (Burela), por "Patacas bravas"; e a mellor falada para o IES Nº1 do Carballiño, por "Regueifa da papatoria".
Ademais, o xurado decidiu concederlle un recoñecemento especial a dous alumnos do IES A Cachada de Boiro, Lois Cespón e Brais Yáñez, pola orixinalidade e calidade da súa proposta "Caladas de tempo baldeiro", na que trasladaron a arte da improvisación oral en verso ao freestyle.

Entrega de premios
A entrega de premios terá lugar o vindeiro 2 de maio no Auditorio de Galicia, coincidindo coa Regueifesta, un encontro para escolares arredor da improvisación oral en verso. O evento desenvolverase a partir das 11:00 horas e nel intervirán rapazas e rapaces da nova xeración galega do repentismo, así como alumnado de Euskadi e de Cataluña, que improvisarán ao xeito do bertsolarismo e da glosa. Dinamizarán o acto os/as regueifeiro/as Alba María, Josinho da Teixeira, Séchu Sende e Manolo Maseda.

Direccións relacionadas



Compartir: