ALCALDÍA

O alcalde reitera a importancia da Variante de Aradas para aliviar o tráfico no norte da cidade

25/04/2018 As obras da Variante de Aradas rematarán a finais deste ano ou comezos de 2019, segundo as estimacións da Xunta de Galicia. Deste xeito, acurtarase o prazo de 24 meses inicialmente previsto para esta infraestrutura, que se empezou a construír en agosto de 2018. O alcalde, Martiño Noriega, participou hoxe nunha visita ás obras coa conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez.

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda explicou que "a obra da Variante de Aradas marcha a moi bo ritmo, e xa está executada un 30%". Por iso, Ethel Vázquez mostrouse convencida de que "os traballos poderán estar rematados a finais deste ano ou principios do que vén, dependendo das condicións meteorolóxicas".

Infraestrutura estratéxica
O alcalde mostrou a súa satisfacción porque "unha infraestrutura estratéxica para Santiago vaia ser por fin unha realidade". Martiño Noriega salientou que "o novo viario eliminará unha gran cantidade de vehículos pola zona norte da cidade, fundamentalmente tráfico pesado". Prevese que a variante permitirá que deixen de pasar por Vite e Vista Alegre uns 4.000 vehículos diarios. Ao tempo, o alcalde incidiu na importancia que terá a estrada para a comunicación das áreas industriais de Compostela.

A Variante de Aradas foi incluída pola Xunta no seu Plan Sectorial da Rede Viaria de Santiago, Ames e Teo no ano 2003. En 2011 licitouse a redacción do proxecto, e as obras comezaron en agosto de 2017. A infraestrutura, de 1,6 quilómetros de lonxitude, unirá a estrada de Santa Comba-Trazo co Polígono do Tambre, converténdose na circunvalación norte de Santiago. A Xunta destina á súa construción un total de 6,9 millóns de euros.

Compartir: