INFRAESTRUTURAS

Aberta ao tráfico a Rúa de Sar

04/01/2007 A Rúa de Sar está xa aberta ao tráfico, tras concluír a súa reurbanización. A apertura é posible unha vez rematadas as obras do tramo comprendido entre o paso baixo a avenida de Lugo e o cruce coa rúa do Olvido.

O firme neste tramo, do mesmo xeito que se fixo desde a ponte sobre o río Sar, é de formigón negro, encintado en pedra, e as beirarrúas de granito. O retraso nas obras debeuse a algunha modificación no proxecto, como a peonalización do tramo dende a Avenida de Lugo ata a rúa de Sar, que o proxecto orixinal mantiña con tráfico rodado. Esta modificación permite xerar un atractivo espazo urbán peonil no que, ademais, se consegue salvar as árbores existentes.

Ademais, reubicouse a estación soterrada de lixo e, co obxecto de replantexar as coutas do viario no entronque da Rúa do Sar coa Rúa do Olvido, reduciuse o ámbito de actuación. Deste xeito, nunha terceira fase abordarase a continuidade da actuación sobre o vieiro coa mellora e adecentamento da rúa do Olvido.

Compartir: