ALCALDÍA

O alcalde reivindica o papel de Correos na presentación dos dous novos selos dedicados a Compostela e o Camiño Inglés

23/04/2018 O alcalde de Santiago acudiu esta mañá ao acto de presentación do novos selos fabricados por Correos e que están dedicados ao Camiño Norte-Camiño Costeiro e a Santiago. Ao evento asistiron o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo; a presidenta de SEPI, Pilar Platero, e o presidente de Correos, Javier Cuesta.

Martiño Noriega definiu Compostela como "porto de moitos mares, unha cidade inclusiva construída polos homes e mulleres que chegaron a través de diferentes camiños" e reivindicou o papel de Correos "nestes tempos modernos onde hai cousas que se seguen a valorar, como ter unha empresa pública que serve de comunicación para as persoas e entidades".

O selo Galicia Camiño Costeiro forma parte dun carné troquelado co perfil da costa norte da Península, que inclúe oito selos autoadhesivos cos que a empresa pública destaca o recoñecemento por parte da Unesco dos camiños de Santiago do norte peninsular. O selo dedicado a Santiago rende homenaxe á capital de Galicia, ten forma circular e reproduce o anverso da moeda de dous euros que a Fábrica Nacional de Moeda e Timbre puxo en circulación este ano. A imaxe principal do selo é a fachada da Catedral vista dende as escaleiras de Raxoi. Conta cunha tirada de 180.000 exemplares.

Compartir: