ACCIÓN CULTURAL

O segundo Encontro Aberto co Sector Cultural pon o foco na promoción e na innovación das industrias culturais e creativas

19/04/2018 A Concellaría de Acción Cultural mantén aberto un foro de diálogo e traballo en común entre axentes culturais, persoal técnico, responsables municipais e cidadanía para fomentar a participación da veciñanza nas políticas culturais públicas de Santiago de Compostela e o traballo en colectivo no sector. O segundo dos encontros abertos de 2018 centrarase na promoción das Industrias Culturais e Creativas (ICC’S), no fomento da innovación neste eido e na procura de oportunidades de colaboración con outros territorios. Será o martes 24 de abril, ás 19:00 horas, na Sala Mozart do Auditorio de Galicia.

Nesta ocasión, a sesión de conversa será conducida por Berta Álvarez, coordinadora do Centro de Emprendemento Cultural e Creativo de Galicia (CEM), e contará coa presenza de Joxean Muñoz Otaegi, viceconselleiro de Cultura do Goberno Vasco. Joxean Muñoz presentará as propostas e accións emanadas da estratexia ICC Euskadi 2017-2020. O obxectivo do encontro é analizar posibles vías de aplicación destas achegas ao caso galego, co fin de contribuír ao desenvolvemento e internacionalización das ICC’s no noso país.

A concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra, presentou este xoves o evento nunha rolda de prensa na que tamén participou Berta Álvarez. Novoneyra salientou a capacidade empresarial e o talento creativo do sector en Galicia, e convidou a profesionais e cidadáns a participar nesta encontro, que procura "servir de estímulo ao xurdimento de novos proxectos e facilitar a participación e implicación colectiva na xeración de políticas e programas públicos".

Con este obxectivo, Novoneyra animou a todas as persoas interesadas en coñecer a proposta a participar na sesión aberta do martes 24 de abril. Para se inscribir, abonda con solicitalo mediante un correo electrónico dirixido ao enderezo teatroprincipal@santiagodecompostela.gal. Ademais, a concelleira convidou a trasladar tamén este espazo de diálogo ás redes sociais mediante a etiqueta #encontrocultura, que se empregará neste e en futuros encontros.

Joxean Muñoz. Viceconselleiro de Cultura do Goberno Vasco.

Licenciado en Historia da Arte Contemporánea pola UAB, conta cun Mestrado en escritura de Guións Cinematográficos da Fundación UAM-Viridiana. Escritor e poeta en lingua éuscara, é tamén guionista e director de cinema de animación. O seu filme Karramarro uhartea (A illa do cangrexo), co-dirixido por Txabi Basterretxea, foi premiado co Goya á mellor película de animación en 2001.

Programador e xestor cultural, entre 1994 e 1996 integrou o equipo de dirección de Eremuak, o Festival Internacional de Cinema en Linguas Minorizadas de Zarautz, e do 2006 ao 2010 foi director xeral do Proxecto Tabakalera (Centro Internacional de Cultura Contemporánea) en Donostia–San Sebastián.

Berta Álvarez. Coordinadora do Centro de Emprendemento Cultural e Creativo de Galicia (CEM).

Colexiada pola sección de Historia da Arte do CDLG, licenciouse na USC en 2006 e conta cun Mestrado en Dirección de Marketing e Xestión na ESIC: Business & Marketing School de Madrid. En 2011 entrou a formar parte do equipo da Fundación Cidade da Cultura e, dende xaneiro de 2013, xestiona o Centro de Emprendemento Creativo de Galicia (CEM). Este espazo, creado para pór en valor as ICC’s na nosa comunidade, conta hoxe con máis de 100 empresas e 200 emprendedoras/es traballando nas súas instalacións.

Direccións relacionadas



Compartir: