ACCIÓN CULTURAL

Aberto o prazo de inscrición para a XV edición do festival de cine Curtocircuíto

18/04/2018 Xa está aberto o prazo para participar na 15ª edición do Festival Internacional de Cine, Curtocircuíto, que se celebrará do 29 de setembro ao 7 de outubro. Todos os que queiran inscribir as súas curtametraxes poden facelo, de balde a través da plataforma shortfilmdepot.com, sendo a data límite para facelo o 31 de maio de 2018. As curtametraxes teñen que durar un máximo de 59 minutos (títulos de crédito incluídos), deben estar rematadas con posterioridade ao 1 de xaneiro do 2018 e non poderán enviarse as que xa se inscribiran no festival en edicións anteriores.

Curtocircuíto chega este ano á súa edición número 15 e, como vén sendo habitual, organizaranse diferentes actividades arredor do sector audiovisual, sendo o protagonista principal o cinema. A inscrición farase a través da plataforma indicada e, malia que a participación no festival é de balde, a plataforma aplicará un cargo variable ao usuario pola xestión da inscrición, que se poderá facer ata o 31 de maio. As curtametraxes seleccionadas (en competición e fóra de competición) serán publicadas na web do festival, www.curtocircuito.org, aproximadamente un mes antes do comezo do mesmo.

As seccións competitivas son Sección Oficial, Planeta GZ e Penínsulas. A Sección Oficial estará subdividida en Radar e Explora, sendo a organización a que decide, en última instancia, en que sección participarán as curtas presentadas. En Radar estarán as curtas de calquera xénero e nacionalidade que marcan tendencias a escala mundial e na que cineastas experimentados convivirán con novas promesas. Explora será unha sección centrada na procura de novas caligrafías fílmicas, pezas dificilmente catalogables nun xénero que dilúen a idea tradicional do cinema mediante a exploración de sendas innovadoras.

Ademais, teremos tamén a sección Penínsulas, obras de calquera xénero pero exclusivamente de nacionalidade española, e Planeta GZ, que acollerá as obras galegas a competición. Enténdese por produción galega aquela na que o director sexa galego ou leve máis de dous anos residindo en Galicia; aquela producida por unha produtora galega ou aquela que polo seu contido exprese unha manifesta vocación por Galicia.

Os premios e mencións serán Premio Sección Oficial Radar e explora (3.000 €) e Mención ou Mencións Especiais en Radar e Explora; Premio (2.000 €) e Mención Especial Galiza; Premio do Público (1.500 €); Premio do Xurado Novo (1.000 €); Premio CREA á Mellor Dirección Galega (500 €) e Premio AGAG ao Mellor Guión Galego (500 €). E por último, premio Penínsulas (aluguer de material de rodaxe por valor de 1.000 € e cualificación Premios Goya). Todos os premios terán unha dotación económica, agás as Mencións Especiais.

Os e as interesadas en participar poden consultar as bases e outra información de interese na páxina webs de Curtocircuíto e de Compostela Capital Cultural.

Compartir: