PATRIMONIO

Compostela acollerá o 12 de maio un dos concertos do V Ciclo "Música de Cámara nas Cidades Patrimonio"

16/04/2018 Este luns renovouse en Madrid o convenio de colaboración entre a Fundación Albéniz/Escuela Superior de Música Reina Sofía e o Grupo Cidades Patrimonio da Humanidade de España, que permite por en marcha a quinta edición do Ciclo "Música de Cámara nas Cidades Patrimonio da Humanidade de España 2018. Este programa traerá a Santiago de Compostela un dos seus concertos o sábado 12 de maio.

O claustro de San Martiño Pinario acollerá este concerto ás 20:00 horas. O protagonista será o Quintento Ricercata de EY, formado por Juan Cossío, frauta; Jesús Ernesto Torres, oboe; José Pinto, clarinete; Miguel García, fagot ,e Norberto López, trompa. Interpretarán obras de Hindemith, Arnold, Tomasi e Medaglia.

O V ciclo de concertos "Música de Cámara nas Cidades Patrimonio da Humanidade de España" levará de forma gratuíta para o público unha selección da mellor música de cámara a espazos históricos, civís e relixiosos das 15 cidades españolas incluídas na Lista do Patrimonio Mundial da Unesco, que servirán de escenarios excepcionais para a celebración destes concertos de música de cámara.

A nova edición do ciclo enmárcase nas celebracións coas que o Grupo conmemorará ao longo de 2018 o 25 aniversario da súa creación, así como no Ano Europeo do Patrimonio Cultural.

Con esta actividade, as cidades da asociación sumarán á súa potente oferta cultural un activo máis, co atractivo da vinculación entre patrimonio e música e o fomento dun turismo cultural de primeira orde.

A música de cámara, que para moitos críticos é o xénero no que a música alcanza a súa máxima expresión de calidade e emoción, será a protagonista da quinta edición deste ciclo, que en 2017 foi gozado por preto de 4.000 persoas. As agrupacións de cámara da Escuela Superior de Música Reina Sofía, considerada un dos centros de alta formación musical máis prestixiosos do mundo, interpretarán esta serie de concertos ao longo dos meses de abril, maio e xuño. Os grupos seleccionados tocarán baixo diversas formacións, en recitais de violín e piano, recital de canto e piano, concerto de canto-grupo instrumental e cémbalo, e agrupacións de música de cámara.

Documentos relacionados



Compartir: