ALCALDÍA

Amador Santos Bartolomé pon fin a unha brillante traxectoria na dirección da Banda Municipal de Música

03/01/2007 O director da Banda Municipal de Música de Santiago, Amador Santos Bartolomé, xubílase e deixa o seu cargo despois dunha brillante traxectoria de 40 anos. O músico e compositor quixo pasar por Raxoi para despedirse profesionalmente do alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo.

No encontro houbo tempo para lembrar a extensa carreira musical deste burgalés, que ostentaba a dirección da formación compostelá dende 1967. Foron anos nos que, ademais de dirixir a Banda, Santos Bartolomé exerceu un recoñecido labor como compositor. Deste traballo quedan numerosas pezas que teñen como referencia a Compostela, tales como "Tambre", "Ao pé da Berenguela", "Antealtares" e moitas outras. E todo isto completado cun labor docente, ao que agora pensa dedicarse a nivel particular cos máis novos.

Tralla súa xuntanza co alcalde, Santos Bartolomé afirmou que fora "un privilexio" ser o director da Banda Municipal. Pola súa banda, Sánchez Bugallo lembrou que "dende que son pequeno non recordo outro director da banda e teño a sensación dunha época que se acaba".

Compartir: