ACCIÓN CULTURAL

Nace "Cadernos de Compostela", unha nova colección para a difusión da historia e do patrimonio cultural da cidade

12/04/2018 Ofrecer un relato diferente da cidade e descubrir episodios, fitos e personaxes menos coñecidas da historia de Santiago é o obxectivo co que xorde a nova colección Cadernos de Compostela. A concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra, presentou esta mañá a nova publicación nunha rolda de prensa na que tamén interviñeron a investigadora Mercedes Vázquez Bertomeu, membro do colectivo Dehistoria e unha das autoras responsables do contido desta edición, e Marcos Vigo, ilustrador e deseñador dos volumes.

No ano que Europa dedica a conmemorar o Patrimonio Cultural do continente, o Concello de Santiago busca desenvolver iniciativas que afonden na divulgación e no coñecemento do pasado histórico e do acervo patrimonial da cidade por parte veciñanza, coa fin de incrementar o sentimento de pertenza a un espazo común e o compromiso co coidado do noso patrimonio.

Os Cadernos son pequenas publicacións (entre 20-40 páxinas) cun deseño atractivo e moderno, máis próximo ao folleto informativo que a o libro tradicional, de xeito que resulten atractivos a todo tipo de públicos. Consonte a esta imaxe, os textos son de cariz divulgativo e van acompañados de imaxes que fan que os contidos resulten comprensibles e sintéticos.

A primeira das entregas trasládase ao ano 1116 e retrata unha Compostela asediada polo exército da Raíña Dona Urraca, en pleno conflito pola coroa do Reino de Galicia. O número destaca personaxes senlleiras da historia de Santiago como a propia raíña, o bispo Xelmírez, o Rei Alfonso VII ou o fidalgo Pedro Froilaz, conde de Traba.

En 2018 publicaranse outros tres cadernos, que ofrecerán un repaso polas festas da cidade e dos seus barrios, polas protestas estudantís de 1968 en Compostela e polos desfiles, procesións e cabalgatas que se desenvolveron en Santiago ao longo dos tempos. A colección distribuirase de balde en centros de ensino, bibliotecas, centros socioculturais e outros espazos públicos.

Dehistoria (www.dehistoria.net) é unha sociedade laboral orientada á investigación en Historia e ao deseño de produtos e servizos que teñen como punto de partida o coñecemento histórico. É unha empresa de vocación innovadora, tanto polo concepto e valores que a moven como polos proxectos que desenvolveu a lo longo da súa andadura. Estes caracterízanse por un achegamento diferente ao pasado e á súa herdanza: a aposta por xerar novo coñecemento, a intención de facelo útil á sociedade para mellorar a súa cohesión e identidade ou a decidida intención de facelo instrumento de riqueza, presente e futura.

Compartir: