EDUCACIÓN E CIDADANÍA

Trinta alumnos e alumnas de Santiago visitarán Vila Real no programa de intercambios escolares do Eixo Atlántico

11/04/2018 O concelleiro de Educación e Cidadanía, Manuel Dios, presidiu esa mañá no salón verde do Pazo de Raxoi unha xuntanza do Grupo de Educación do Eixo Atlántico, na que se aprobou o regulamento do programa de intercambios escolares, que se desenvolverá para o curso que vén entre os concellos da Eurorrexión.

Os impulsores da actividade, dirixida a escolares de 5º e 6º de primaria, son o Concello de Santiago e o de Vila Real. "Do que se trata -indicou Manuel Dios- é de que os nenos e nenas de Santiago coñezan unha cidade de Portugal, para o curso que vén Vila Real, e que o fagan a través da mirada dos rapaces e rapazas desa localidade".

Na xuntanza de hoxe participaron oito cidades de Galicia e outras oito de Portugal: Barcelos, Vila Real, Guimaraes, Matosinhos, Viana do Castelo, Mirandela, Vila Nova de Famalicao, Monforte, Ourense, Ribeira, Vilagarcía, Carballo, A Coruña e Santiago de Compostela, ademais do propio Eixo e a Eurocidade. Ademais e durante o curso que vén, os centros educativos traballarán nunha guía didáctica sobre este programa.

Pola súa banda, o técnico do Departamento de Educación de Vila Real, José Pintos, definiu a iniciativa como un "programa importante para que os mozos e mozas coñezan máis sobre o Eixo Atlántico e a Eurorrexión vivindo durante tres días noutras cidades".

Cada cidade terá liberdade á hora de escoller que grupo de 30 alumnos e alumnas participará no encontro. No caso de Compostela realizarase mediante un concurso escolar sobre o patrimonio, no que o mellor traballo recibirá como premio a visita a Vila Real.

Grazas a este proxecto, preténdese que os mozos e mozas poidan coñecer e valorar o patrimonio das cidades e vilas que integran esta asociación transfronteiriza creada no ano 1992 por cidades de Galicia e do Norte de Portugal.

A Presidencia deste Grupo Temático de Educación recae dende o 15 de novembro de 2016 no concelleiro de Educación e Cidadanía de Santiago, mantendo periodicamente reunións de traballo nas que se estudan diferentes propostas educativas, como a Mostra Musical do Eixo Atlántico ou os Encontros Pedagóxicos. Nos próximos días celebrarase un encontro co secretario xeral do Eixo Atlántico para presentar as iniciativas acordadas.

Compartir: