ALCALDÍA

Compostela acollerá do 3 ao 5 de maio as xornadas "Os cafés, patrimonio cultural a través do tempo"

11/04/2018 Santiago converterase no próximo mes de maio na capital do Café Histórico, grazas á celebración das Xornadas Os cafés, patrimonio cultural a través do tempo. Trátase dunha iniciativa pioneira que conta coa colaboración do Concello, e que se desenvolverá nos días 3, 4 e 5 de maio na sede da Fundación Torrente Ballester.

O alcalde, Martiño Noriega, presentou hoxe as Xornadas, nunha rolda de prensa na que tamén participaron a concelleira de Igualdade, Promoción Económica e Turismo, Marta Lois; o director de contidos do evento, Fernando Franjo; e o director da Fundación Torrente Ballester, Miguel Fernández-Cid. O rexedor mostrou a satisfacción por poder colaborar nesta iniciativa "avalada co selo do Ano Europeo do Patrimonio Cultural 2018, e que agardemos que teña continuidade no tempo".

Martiño Noriega tamén lembrou espazos singulares da cidade "como o Derby ou o Casino, por onde pasaron persoeiros como Valle-Inclán, Castelao ou Otero Pedrayo, onde fixeron as súas tertulias e os seus debates culturais e políticos". Ademais, reivindicou a necesidade de "recuperar estes escenarios para a conversa tranquila e persoal como son os cafés, nestes momentos nos que moitos diálogos se reducen ao mundo 2.0"

Pola súa parte, a concelleira Marta Lois encadrou estas xornadas na "decidida aposta que está a facer Compostela polo turismo cultural e literario, que procura experiencias singulares para o visitante e nos achega a espazos que quedan fora das rutas habituais". A edil de Turismo reivindicou "o enorme potencial que ten Santiago neste campo, porque a nosa cidade é escenario de grandes obras literarias, está chea de espazos que inspiraron a escrita. E nesa liña están os cafés históricos da cidade, os que desapareceron e os que perduran no tempo"

Torrente, "presente" nas xornadas
As Xornadas Os cafés, patrimonio cultural a través do tempo celebraranse na Fundación Gonzalo Torrente Ballester, na rúa do Vilar, os días 3, 4 e 5 de maio. As inscricións son de carácter gratuíto e deberán formalizarse a través da web www.cafespatrimoniocultural.com, onde se poden consultar todos os contidos do evento.

O director de contidos das xornadas explicou que "a iniciativa está avalada co selo do Ano Europeo do Patrimonio Cultural 2018, e ten como principal obxectivo poñer en valor os cafés históricos como parte do noso patrimonio cultural". Fernando Franjo tamén sinalou que este evento na súa orixe parte da base do café "con historia", abordando os principais desafíos da actualidade e formulando un debate sobre o concepto e o recoñecemento de café histórico, a súa definición e os seus retos na actualidade". Franjo reivindicou que "o café histórico é un café vivo; non podemos caer na nostalxia e no inmobilismo, e estas xornadas pretenden achegar ideas para conseguilo".

Presentación da Ehica
Precisamente polo seu carácter pioneiro a nivel nacional, as Xornadas Os cafés, patrimonio cultural a través do tempo acollerán a presentación oficial en España da Ehica (European Historic Cafes Association – Asociación Europea de Cafés Históricos). Esta correrá a cargo do presidente desta entidade, o grego Vasilis Stathakis, propietario do emblemático Café Kipos de Creta.

A asociación, creada no 2014, é a única entidade neste eido con alcance continental e reúne na actualidade a máis dunha vintena dos cafés históricos máis emblemáticos de Europa, un dos cales é o Café Casino de Compostela. Unha das súas principais finalidades é a preservación e o recoñecemento dos locais más significativos do continente é establecer unha ruta europea de cafés con historia.

Tres xornadas, catro temáticas
O programa das Xornadas Os cafés, patrimonio cultural a través do tempo estrutúranse en catro bloques compostos de intervencións e tertulias baixo o epígrafe de Café Patrimonio. Así, na primeira xornada falarase sobre "O patrimonio gastronómico e hosteleiro en Galicia. A nova cociña". Participarán, entre outros, o barista Óscar de Toro, que dirixirá unha degustación de café; o chef Alberto Lareo, que tratará a maridaxe do café na cociña en Galicia; e recoñecidos cafés de España e Portugal como o Novelty de Salamanca ou o Santa Cruz de Coimbra, que protagonizarán unha tertulia sobre os cafés históricos europeos, ou a xornalista Trinidad Palacios, que abordará os vínculos entre o café e o feminismo.

O día 3 de maio pecharase coa inauguración oficial das Xornadas. O acto terá lugar ás 19:00 horas e estará presidido polo alcalde compostelán.

A segunda xornada centrarase no "Patrimonio turístico e a súa reinterpretación". As achegas sobre esta temática serán realizadas, entre outros, pola profesora da Universidade da Coruña María Elvira Lezcano e, xa pola tarde, o escritor Alfredo Conde e a investigadora e especialista na vida e obra de Torrente Ballester, Carmen Becerra abordarán nun coloquio o tema "O fenómemo da tertulia: dende a butaca ao café de banqueta".

O venres 4 de maio tamén terá lugar a presentación oficial en España da Ehica. Desenvolverase arredor das 11:00 horas e contará coa presenza do presidente desta asociación, que estará acompañado tamén polo xerente do Café Casino de Santiago, Antonio Riveiro, e o director das Xornadas, Fernando Franjo, representante en España da Asociación Europea de Cafés Históricos.

A xornada do sábado 5 de maio versará sobre "A promoción e xestión cultural nos cafés galegos", coa participación do xestor cultural José Víctor Carou e distintos promotores culturais de Compostela.

No programa figura unha serie de actividades paralelas. A Fundación Torrente Ballester acollerá durante as xornadas unha exposición das teteiras do escritor ferrolán, a mostra fotográfica Os cafés de Torrente Ballester, de Vari Caramés, así como unha cata comentada de licor café de Galicia a cargo do Consello Regulador das Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia e un concerto de música en directo a cargo de Cardigan Bridge.

Finalmente, o director da Fundación Torrente Ballester anunciou outra novidade, confirmada onte, como é a presenza da escultura do escritor ferrolán que dá a benvida aos salmantinos no Novelty e que vai estar ás portas da Fundación durante as xornadas.

Direccións relacionadas



Compartir: