LINGUA

O 15 de abril remata o prazo para participar na II edición do certame Enreguéifate

10/04/2018 A II edición do certame de regueifas en vídeo Enreguéifate entra na súa recta final. O 15 de abril remata o prazo para participar nas dúas categorías convocadas: xeral e escolar. Os vídeos regueifando pódense facer chegar a través da web www.enregueifate.gal.

O certame de regueifas en vídeo enmárcase no proxecto Enreguéifate, impulsado polos concellos de Santiago, Ames, Teo e Carballo co obxectivo de que a cidadanía entre en contacto coa improvisación oral en verso. A inscrición é aberta e de balde, e pode facerse en dúas categorías: xeral e escolar. A temática é libre, pero entre outros requisitos debe terse en conta que o vídeo non poderá superar os tres minutos de duración e que nel deberán saír cando menos dúas persoas regueifando en lingua galega. En cada categoría haberá premios para a regueifa máis brava, a máis aguda, a máis diversa, a máis reivindicativa, a mellor cantada e a mellor falada.

Na anterior edición participaron no certame máis dun cento de persoas de todo o país e desta volta xa se recibiron diversas propostas, se ben nestes últimos días é cando está chegando un maior número de vídeos.

Encontro Regueifesta
Os premios daranse a coñecer o 23 de abril e a entrega terá lugar o 2 de maio no Auditorio de Galicia, durante o III Encontro Regueifesta de improvisación oral en verso para centros de ensino galegos.

Nesta actividade didáctica intervirán rapazas e rapaces da nova xeración galega do repentismo, así como alumnado de Euskadi e de Catalunya, que improvisarán ao xeito do bertsolarismo e da glosa. Dinamizarán o acto os/as regueifeiro/as Alba María, Josinho da Teixeira, Lupe Blanco, Séchu Sende e Manolo Maseda; e inclúense tamén diversas intervencións musicais. Proximamente abrirase o prazo de inscrición para asistir a este evento.

Direccións relacionadas



Compartir: