ALCALDÍA

O Concello de Santiago celebrará o 14 de abril cun roteiro histórico pola Compostela republicana

10/04/2018 Compostela acollerá o vindeiro sábado 14 de abril (data na que se cumpren 87 anos da proclamación da Segunda República) unha visita guiada polos lugares máis sinalados do Santiago republicano. O evento está organizado polo Concello, en colaboración co grupo Hispona da USC, e foi presentado pola concelleira María Rozas. Na rolda tamén estivo o profesor e historiador Alfonso Iglesias.

O roteiro vén recollido na programación didáctica editada pola Concellaría de Educación e Cidadanía o ano pasado dentro da colección Coñecer Santiago e que leva por nome O soño roto: educación, sociedade e política na Compostela republicana. "A diferencia do percorrido que aparece na unidade, realizaremos o roteiro ao revés, partindo das Marías ás 12 e rematando na praza do Obradoiro", tal e como sinalou María Rozas, quen lembrou que "pasaremos por lugares estratéxicos da Compostela republicana e da posterior, tras o golpe de estado de 1936".

Historia e memoria
O percorrido, que terá unha duración aproximada dunha hora, terá dúas orientacións, "a da historia e a da memoria", segundo explicou Alfonso Iglesias. "Faremos lembranza do que foi a Compostela dos anos 30 a través do que quedou e do que se destruíu tras o golpe de estado, pero desligando a idea triste dos momentos finais da República", indicou.

O roteiro comezará nun lugar simbólico, como é a estatua das Marías e rematará na praza do Obradoiro, "centro da vida política e lugar onde se proclamou a República en Compostela", apuntou o historiador. Partindo da unidade didáctica na que se basea o roteiro, as persoas que participen lembrarán a vida cotiá da época, pasando polos lugares que formaron parte da historia da cidade; a vida cultural en torno a figura do último alcalde republicano e fundador da editorial Nós, Ánxel Casal, ou a educación e a política. "A segunda República -lembrou Alfonso Iglesias- foi unha época de moitos logros a nivel sanitario, educativo e cultural".

Percorreranse lugares simbólicos como Porta Faxeira, punto de defensa durante o golpe de Estado; a Porta da Mámoa, onde se situaba o sanatorio do doutor Villar, ou a praza da Universidade, emblemática por acoller a Facultade de Historia, mais tamén a Radio Galicia, e lugar de reflexión e xuntanzas para o que sería con posterioridade o Estatuto de Autonomía de Galicia.

O roteiro é de balde e non se precisa inscrición previa.

Compartir: