TURISMO

SantYaGo10K reserva 50 dorsais para peregrinos e peregrinas que cheguen nos días previos á carreira

10/04/2018 A concelleira de Turismo, Marta Lois, e o presidente do Club de Atletismo Fontes do Sar, José Antonio Juanatey, presentaron a segunda edición da SantYaGo Peregrina, que permitirá reservar 50 dorsais para que os peregrinos e peregrinas que cheguen a Santiago nos días previos ou no mesmo día da carreira teñan a oportunidade de participar na mesma. Poderán realizar a súa inscrición no posto que habilitará a organización na praza do Obradoiro o día da proba, o vindeiro 28 de abril.

Nas dúas primeiras edicións da carreira houbo varias persoas que remataron o Camiño de Santiago nos días previos ou no mesmo día da carreira e que preguntaron na oficina de información de Turismo de Santiago e no posto da organización no Obradoiro como poderían apuntarse para participar unha vez que o prazo de inscrición estaba xa rematado. Dende a organización da carreira fíxose o posible para que puideran participar a maior parte delas, cos problemas loxísticos aparellados.

SantYaGo Peregrina naceu o ano pasado precisamente para que puideran participar na carreira as persoas que rematan o Camiño de Santiago neses días, xa fóra do prazo de inscrición, e que ao chegar á cidade descobren que hai unha carreira nocturna que percorre o casco histórico e remata na praza do Obradoiro e queren participar nela.

O ano pasado reserváronse 25 dorsais e, ante a alta demanda que tiveron, decidiuse incrementar a cifra ata 50 dorsais. Ademais, nesta ocasión, dende Turismo de Santiago mandarase información da SantYaGo10K a máis de 500 albergues do Camiño de Santiago para que as persoas que están facendo o Camiño neste mes de abril poidan coñecer a carreira e, se están interesadas, axustar a súa chegada á cidade para participar na mesma.

Case 500 persoas xa inscritas
A cuarta edición da SantYaGo10K celebrarase o vindeiro 28 de abril. A carreira comezará ás 22:00 horas en San Francisco. Os corredores comezarán a chegar á meta no Obradoiro a partir das 22:30 horas, logo de percorrer un circuíto lineal de 10 quilómetros homologado pola Real Federación Española de Atletismo, coa garantía de que a medición é completamente fiable. Deste xeito, a marca será válida para competicións oficiais.

Neste momento, a carreira conta xa con preto de 500 persoas inscritas. A previsión é que se rolden as 2.000 persoas participantes, como nas tres primeiras edicións. As inscricións poden facerse de dous modos distintos, cubrindo o formulario de inscrición que se atopa en www.santyago10k.es, e facendo o pago directamente on line, ou cubrindo o formulario pero facendo o pago presencialmente no Multiúsos Fontes do Sar ou en Santa Isabel.

Neste edición hai dous prazos de inscrición na carreira. O primeiro prazo é ata o 15 de abril, cun prezo de 7 euros. O segundo prazo é ata o 22 de abril, cun prezo de 15 euros. Os socios do Multiúsos Fontes do Sar e de Santa Isabel terán un prezo especial de 5 euros se se inscriben presencialmente antes do 23 de abril.

Toda a información da carreira pode consultarse en www.santyago10k.es. Tamén pode seguirse nas redes sociais da SantYaGo10K.

Compartir: