TURISMO

Turismo de Santiago presenta a cidade a 250 axencias de viaxe de Italia

09/04/2018 Turismo de Santiago participa esta semana nunha acción de promoción organizada pola Oficina Española de Turismo en Milán, que permitirá presentar a cidade a máis de 250 axencias de viaxes italianas. A acción desenvolverase nas cidades de Roma, Florencia, Verona e Turín.

Esta acción continúa afondando na promoción de Turismo de Santiago no mercado italiano, que é o mercado internacional máis importante para a cidade. O ano pasado, a entidade municipal desenvolveu múltiples actividades no mercado italiano, entre elas unha acción moi similar, presentando neste caso Santiago a axencias de viaxe de Milán, Bolonia e Padua, tres das grandes cidades do norte italiano, que tivo moi bos resultados.

Nos últimos anos, Italia tense consolidado como o principal mercado internacional emisor de turistas a Santiago. Segundo os últimos datos dispoñibles do INE, no ano 2016, os turistas italianos sumaron nos hoteis da cidade 87.867 pernoctacións, conseguindo o seu máximo histórico. A falta de datos oficiais do INE respecto do 2018, a estimación é que esta cifra se elevou ata preto das 100.000 pernoctacións.

O número de peregrinos italianos segue tamén esta tendencia, cun crecemento constante que permitiu que no ano pasado marcasen un novo máximo con 27.073, cun crecemento do 13%. Dende o 2014, o número de peregrinos italianos supera os 20.000 cada ano. A previsión é que estas cifras continúen crecendo nos vindeiros anos a medida que se achegue o Ano Santo 2021.

Actualmente existen tres conexións aéreas directas anuais con mercado italiano. Unha de Ryanair co aeroporto de Milán-Bergamo, outra de Easyjet co aeroporto de Milán-Malpensa e outra de Vueling co aeroporto de Roma. Entre as tres conexións sumaron preto de 100.000 pasaxeiros no 2017

Compartir: