ALCALDÍA E POLÍTICAS SOCIAIS

O alcalde agradece a Aspanaes o seu traballo en prol da inclusión das persoas con TEA

09/04/2018 O alcalde e a concelleira de Políticas Sociais visitaron hoxe o centro de día que Aspanaes xestiona en Villestro, e que ten como obxectivo promover a inclusión social das persoas con TEA. Martiño Noriega e Concha Fernández estiveron acompañados polo persoal do centro e máis pola presidenta de Aspanaes na provincia da Coruña, María José Álvarez Folgar.

Durante a visita, o alcalde e a concelleira de Políticas Sociais coñeceron o traballo que se desenvolve no centro de día, que utiliza o ocio artístico para o desenvolvemento das habilidades sociais e a autoestima das persoas con Transtornos do Espectro Autista. Así, os usuarios e usuarias realizan actividades adaptadas, relacionadas coa música, a informática ou mesmo a encuadernación. Na actualidade, ao centro asisten 19 persoas adultas con autismo.

Romper as barreiras
Durante a visita, un dos usuarios do centro de día leu un manifesto en nome de todos os seus compañeiros e compañeiras. Ismael lembrou que o 2 de abril celebrouse o Día Mundial do Autismo e aproveitou para "pedir aos políticos que prometan eliminar as barreiras que non nos deixan desfrutar dos nosos dereitos como cidadáns".

Tamén a presidenta de Aspanaes na provincia da Coruña, María José Álvarez Folgar, pediu o compromiso dos responsables políticos para "lexislar tendo en conta as necesidades específicas das persoas con autismo e procurando unha sociedade máis inclusiva e accesible".

Na súa intervención, o alcalde felicitou a Aspanaes polo "traballo que vén desenvolvendo nas diferentes instalacións que ten en Santiago, coas que a Asociación chega a lugares aos que non chegan os servizos públicos". Martiño Noriega tamén apelou á responsabilidade dos representantes públicos "para fomentar a inclusión dentro da diversidade, porque non podemos mirar para outro lado cando cada día hai máis casos de TEA diagnosticados".

A visita rematou cunha fotografía simbólica na que o alcalde, Martiño Noriega, a concelleira de Políticas Sociais, Concha Fernández, e as representantes de Aspanaes "romperon barreiras" polo autismo.

Compartir: