ACCIÓN CULTURAL

Presumido e BFlecha pechan este venres no Principal a segunda edición do Compostela Conversa

09/04/2018 Dúas das propostas de electrónica máis interesantes do panorama actual galego protagonizarán a próxima sesión do Compostela Conversa. O venres 13 de abril, ás 20:30 horas, o Teatro Principal acollerá o concerto dobre de Presumido, unha das bandas revelación do 2017, e BFlecha, a produtora e DJ galega que experimenta con novos sons a través do synth, o R&B, o pop e o trap.

A través das actuacións en vivo e do diálogo aberto cos artistas, o público poderá descubrir aqueles fíos invisibles conectan as súas propostas sonoras. Así o presentaron esta mañá en rolda de prensa a concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra, e a directora artística do ciclo, Cristina V. Miranda, acompañadas de Tarci Ávila e Nacho Dafonte, de Presumido.

No peche da súa segunda edición, Compostela Conversa ofrecerá unha sesión dificilmente repetible e cargada de emoción, inspiración e novos sons por explorar. A conversa entre público e artistas, moderada unha vez máis por Cristina V. Miranda, transitará nesta ocasión pola electrónica do pasado, do presente e do futuro, polo son sintético fronte ao natural, o hedonismo fronte a introspección, a morte fronte resurrección, e o Synthpop 2.0 fronte ao Trap.

A entrada terá un prezo de 10 euros (5 euros para desempregados, maiores de 65 anos, xubilados, menores de 25 anos, estudantes, familias monoparentais, familias numerosas e perceptores de rendas sociais) e poden mercarse no despacho de billetes do Teatro Principal (aberto de martes a sábado, + días de evento, de 18:00 a 21:00 horas), no 981 910 522 e en entradas.abanca.com.

Presumido
A banda revelación do 2017 é unha ponte entre a música electrónica do pasado e a do presente. Un proxecto de Synth Pop 2.0 formado por Tarci Ávila e Nacho Dafonte, cuxa proposta é chegar a eses territorios musicais nos que o pop en castelán na súa versión máis electrónica xamais se ten metido. Por que Synthpop 2.0? Presumido collen o estilo dos clásicos do xénero como Depeche Mode ou Kraftwerk e empápano coas referencias máis contemporáneas como M83, Moderat, Daft Punk e os artistas electrónicos máis irreverentes como Bjork, Apparat, Aphex Twin, Telefon TelAviv…

Ademais da proposta musical ofrecen un espectáculo de luces e proxeccións que elaboran de forma artesanal e que converten o seu directo nunha experiencia audiovisual única.

BFLlecha
O seu nome artístico significa mirar cara adiante, camiño do futuro, de cara ao positivo, na busca do coñecemento. O seu último disco é unha mestura de dous conceptos tan variopintos como Qualia e Kwale, referidos ás "cualidades subxectivas das experiencias individuais". Belén Vidal é BFlecha, unha produtora e DJ que encerra un encontro constante de conexións infinitas que converxen na electrónica. Kwalia, o seu segundo traballo de estudio despois de Beta, invita ao que o se achega a el a unha viaxe interior e íntima, onde se atopar a través da música.

Compartir: