FACENDA

A Dirección Xeral do Catastro estimou o 83% das alegacións presentadas ao proceso de regularización

06/04/2018 A concelleira de Economía e Facenda, María Rozas, deu conta este venres da finalización do proceso de regularización catastral, que puxo en marcha a Dirección Xeral do Catastro (dependente no Ministerio de Facenda e Administracións Públicas) no período 2013-2017. No caso do Concello de Santiago, esa regularización produciuse durante o ano pasado, afectando finalmente a case 10.000 veciños e veciñas de Compostela.

Por mor deste proceso, o Concello puxo en marcha durante o ano pasado unha Oficina de Atención para facilitar información e asesoramento aos veciños e veciñas afectados. Así, presentáronse 1.325 alegacións, "a maior parte delas contando con asesoramento e xestión por parte da oficina municipal", tal e como sinalou María Rozas. "Destas alegacións -explicou a concelleira- o 83% foron estimadas total ou parcialmente polo Goberno central e 77 supuxeron a eliminación da taxa".

O Ministerio de Facenda aínda non resolveu 117 alegacións, que foron presentadas unha vez rematado o prazo e que "se aceptaron igual grazas ao acordo acadado coa Dirección Xeral de Catrasto polo Concello e Ferusa (Federación de Asociacións de Veciños do Rural de Santiago)". María Rozas lembrou que o ano pasado "conseguimos que se flexibilizaran os prazos de presentación de alegacións, que inicialmente era de 15 días, e tamén os medios de proba para demostrar os posibles erros cometidos nas valoración por parte do Catastro". Tamén se mantiveron xuntanzas en todas as parroquias coa veciñanza do rural para facilitarlles a presentación de alegacións.

Reforzo da Oficina
Este proceso chega a súa fin durante os meses de abril e maio, cando se enviarán aos domicilios 8.341 liquidacións, nalgúns casos incluíndo os atrasos que, segundo a lexislación vixente, poden chegar aos 4 anos. No procedemento de regularización catastral foron revisadas novas construcións (13% dos expedientes), ampliacións (50%), reformas (31%), cambios de uso (1,6%) e piscinas (1,7%).

Co gallo de facilitarlle a xestión, a información e o pagamento destes recibos á veciñanza, "teñen a súa disposición a Oficina de Atención ao Contribuínte, que será reforzada de cara a aportar información sobre este proceso de regularización catastral, das vías de reclamación e/ou subsanación". María Rozas tamén avanzou que o Concello ofrecerá a posibilidade de fraccionamento e aprazamento do pago, para que o inicialmente hai dous meses tras a notificación.

A Oficina de Información atópase na rúa Presidente Salvador Allende, 4 – baixo. Pódese pedir cita previa no teléfono de contacto 881 599 977, en horario ininterrompido de 8:00 a 20:00 horas, ou ben a través da web municipal, dentro do epígrafe Transparencia/Relacións coa cidadanía/Contacto co Concello/Cita previa.

María Rozas incidiu no compromiso adoptado con FERUSA de reinvestir no rural o que se recade do IBI rústico e urbano situado nas parroquias rurais de Compostela. "Serán aproximadamente 500.000 euros que destinaremos a investimentos nestas zonas e que xa incorporamos no orzamento de 2018".

Compartir: