XUNTA DE GOBERNO

Desestimado o recurso interposto contra a adxudicación do servizo de dinamización da rede de Centros Cívicos

06/04/2018 A Xunta de Goberno deu conta hoxe da resolución do Tribunal Administrativo Central de Recursos Contractuais que desestima integramente o recurso interposto por Arasti Barca contra a adxudicación do servizo de dinamización e mediación sociocultural da rede de Centros Cívicos. Deste xeito, o Concello segue adiante co procedemento de contratación, e require a Ferrovial para a formalización do contrato.

A empresa Arasti Barca, anterior adxudicataria do servizo, recorrera o acordo de adxudicación baseándose en cuestións relacionadas coa subrogación do persoal, cuestionando a cualificación dos expertos externos que fixeron a valoración das propostas, un catedrático e un profesor de Pedagoxía; e considerando "moi xenérico" o informe dos técnicos municipais ao respecto. A resolución do Tribunal Administrativo Central de Recursos Contractuais desestima integramente todas e cada unha desas alegacións, incidindo ademais en que "a recorrente non cita no seu escrito de interposición nin un só precepto legal".

Unha vez recibida a resolución xudicial, contra a que non cabe recurso na vía administrativa, a Xunta de Goberno acordou tamén hoxe requirir á empresa Ferrovial a súa comparecencia para a formalización do contrato, que ten un orzamento de 1.120.000 euros anuais e unha vixencia de dous anos, prorrogables por outros dous. A oferta de Ferrovial foi a mellor valorada, sobre todo no relativo á proposta de organización técnica da rede e á programación presentada.

A nova adxudicación mellorará sensiblemente o servizo dos Centros Cívicos, xa que o orzamento pasa dos 885.000 euros anuais fixados no anterior contrato de 2012, aos case 1,2 millóns anuais desta licitación. Tamén se incrementan sensiblemente as horas de programación, e introdúcense novas temáticas de actividades nos centros, vinculadas coa participación cidadá, a economía social ou as competencias dixitais avanzadas.

Outros acordos
A Xunta de Goberno tamén acordou hoxe ampliar o prazo que lle fora concedido a Setex Aparki para presentar alegacións contra a liquidación do contrato de xestión dos servizos da ORA e o guindastre. A empresa solicitou nova documentación e solicitou tempo para analizalos, de xeito que o novo prazo para a presentación de alegacións remata o 17 de abril.

Documentos relacionados

Direccións relacionadas



Compartir: