CENTROS CÍVICOS

O barrio de Conxo prepárase para a Festa do Banquete con varios obradoiros de deseño do traxe galego

04/04/2018 A concelleira de Políticas Sociais, Diversidade, Saúde e Centros Cívicos, Concha Fernández, deu conta das actividades que o Centro Sociocultural de Conxo acolle co gallo da celebración do Banquete de Conxo, que terá lugar a fin de semana do 21 e 22 de abril. Na rolda estivo acompañada do dinamizador e responsable do CSC de Conxo, Xulio Noia.

Concha Fernández definiu a programación do Banquete como "resultado dun esforzo transversal de diversas concellarías entre a que se atopa a de Centros, cun gran traballo do CSC de Conxo". Será o eixo central arredor do cal xiren moitas das accións preparatorias da festa.

Así, a principios da semana que vén, e en aras de animar á veciñanza do barrio a que participe da Festa do Banquete e a faga súa, crearase unha protocomisión que servirá de contraste e enriquecemento da proposta técnica de programación, e para apoiar o desenvolvemento da festa. Estará composta por veciños e veciñas de Conxo vinculadas ás artes e á creación e por representantes de asociacións veciñais, culturais, educativas, comerciais e do campo da saúde. A intención é que nesta protocomisión se integren progresivamente todas aquelas persoas e colectivos do barrio con vontade de colaborar na festa.

Obradoiros
O centro sociocultural será tamén escenario de dous obradoiros de deseño e creación de traxes para que os veciños e veciñas do barrio vistan as mellores galas os días de Banquete. Celebraranse dous, un coa Asociación do Traxe Galego os venres 6, 13 e 20, de 18:00 a 20:00 horas, e outro de deseño de vestiario de época os sábado 7 e 14 de abril, a partir das 18:00 horas. Ambos requiren inscrición previa, dado o número limitado de prazas.

Tal e como sinalou a concelleira, "trátase da mellor forma de preparar unha festa na que rememoraremos o grande evento literario e histórico que foi o Banquete de Conxo".

Festa da Poesía
Outra das actividades que organiza o CSC de Conxo é a Festa da Poesía que terá lugar o sábado 21 de abril a partir das 21:00 horas. Esta festa estará conducida por María Lado e celebrarase en dous espazos, primeiro na praza Aurelio Aguirre, diante do centro cívico, e unha segunda parte no bar Caimán, "para darlle un ambiente máis taberneiro e decimonónico". Haberá poesía, da man de Carlos Lixó e Sofía Espiñeira; regueifa con Carme da Pontragha e compañía; rap con García Mc e compañía; música con O Leo e compañía e un pregón invertido con Juan Carlos Valle "Karlotti".

O pregón oficial da festa será o domingo ás 12:45 horas diante do Centro Sociocultural de Conxo, da man da profesora e veciña do barrio Marisa Álvarez.

Participación
Ademais da protocomisión que se creará no barrio, e cuxa primeira xuntanza terá lugar o luns 9 de abril a partir das 19:30 horas no CSC de Conxo, artellaranse distintas formas de participación da veciñanza do barrio. Os nenos e as nenas formarán parte nas actividades "O Conxo que queremos", así como na Festa da Poesía. Con esta dinámica participativa búscase recoller as impresións da rapazada do barrio sobre o que non lles gusta, o que lles gusta e o que lles gustaría.

Ademais, a veciñanza será protagonista como actrices e actores extra na acción teatral do sábado 14 de abril pola zona histórica de Compostela. Tamén formarán parte da mesa redonda do sábado 21 de abril. Leva por nome "Que foi o Banquete, que é Conxo" e trazará unha retrospectiva sobre a evolución do barrio e os seus desafíos. Estará conducida polo economista e consultor cultural Marcos Lorenzo.

Xa a partir das 18:30 horas é o momento da actividade infantil "O Conxo que queremos", onde nenos e nenas explicarán que lles gusta máis do seu barrio e como lles gustaría que fose. Será conducida por Patricia Fernández e rematará cunha chocolatada. Tamén á mesma hora celebrarase o concerto da Coral do Psiquiátrico de Conxo e da Coral de Solfa, na escalinata do Hospital Psiquiátrico.

Compartir: