CONSORCIO

Alumnado da Escola de Altos Estudos Musicais ofrecerá mañá mércores un concerto na residencia de maiores de Volta do Castro

03/04/2018 Os alumnos e alumnas do Curso Avanzado de Especialización Orquestral da Escola de Altos Estudos Musicais (EAEM) protagonizan varios concertos de música de cámara con fins sociais ao longo do ano. Así, mañá mércores actuarán na residencia de maiores de Volta do Castro. A cita musical comezará ás 18:00 horas.

O concerto arrincará co Quinteto de cordas nº 3 do compositor francés Adolphe Blanc (1828-1885). O quinteto estará integrado por dous violinistas, unha viola, unha violoncellista e un contrabaixista.

De seguido, os/as internos/as da residencia poderán gozar con varias pezas escritas para trío de metais, que nesta ocasión estará formado por un trompista, un trompetista e un bombardino. A primeira das obras que interpretarán será Unha fanfarria filharmónica, do estadounidense Eric Ewazen (1954). Logo os rapaces e rapazas tocarán o Preludio e fuga nº 1 do compositor alemán Oskar Böhme (1870-1938). E o concerto concluirá coa obra Sonata, do francés Francis Poulenc (1899-1963).

A Escola repite experiencia no xeriátrico de Volta do Castro, posto que o seu alumnado xa ten amenizado aos/ás residentes coas súas interpretacións en citas anteriores. Tal como indica o xefe de estudos da EAEM, Enrique Meyer, "dende o centro estamos encantados de difundir a música de cámara entre públicos e colectivos que non teñen a ocasión de achegarse a ela de maneira habitual, como ocorre coas persoas maiores e os/as dependentes. E este tipo de iniciativas representan ademais unha boa oportunidade para que os novos intérpretes toquen en espazos públicos".

Compartir: