ALCALDÍA

A Corporación acudiu á tradicional cita do Día de Santiago en Padrón

02/04/2018 Como cada luns de Pascua, hoxe celebrouse o Día de Santiago en Padrón. Unha delegación municipal, encabezada polo alcalde, Martiño Noriega, desprazouse á vila veciña para celebrar esta xornada, que serve para que Compostela e Padrón reforcen os seus lazos de irmandade.

Como vén sendo tradición, a delegación compostelá foi recibida na Casa do Concello padronés e, tras o intercambio de bastóns de mando e pendóns, os dous alcaldes pronunciaron unhas palabras no salón de plenos. Antonio Fernández, rexedor de Padrón, lembrou os vínculos de ambos municipios e "a tradición que parte da ruta Xacobea, que fixo que en 2017 arredor de 52.000 peregrinos e peregrinas se achegaran á oficina de turismo da localidade para asesorarse no último tramo do Camiño". Pola súa banda, o alcalde compostelán, Martiño Noriega, fixo referencia ao programa "As pegadas de Rosalía, ao que vén de sumarse Santiago" e que busca difundir a cultura da escritora compostelá. Noriega sinalou tamén que "atendendo a este convite, que se asenta en vínculos económicos e culturais, estamos á altura desta tradición".

Tras os dous discursos, as dúas corporacións e a veciñanza puideron escoitar as actuacións das bandas municipais de Santiago e de Padrón, primeiro na rúa Costa do Carme e, posteriormente, na praza de Macías.

A celebración do Día de Santiago en Padrón no luns de Pascua é unha cita tradicional na que as dúas vilas reforzan a súa irmandade, como fan despois no Día de Padrón en Santiago, nas festas do Apóstolo.

Compartir: