EDUCACIÓN E CIDADANÍA

Case 50 nenos e nenas deron renda solta á súa creatividade no Programa Municipal de Conciliación de Semana Santa

02/04/2018 Hoxe luns remata o Programa de Conciliación de Semana Santa que o Concello de Santiago puxo en marcha para facilitar ás familias a conciliación laboral e familiar neste período de vacacións. Participaron 47 nenos e nenas, dos que 27 acudiron ao CEIP As Fontiñas e 20 ao CEIP Raíña Fabiola.

Co título "Mans creativas, ¿que fago coas miñas mans?" desenvolveuse un proxecto lúdico-educativo de grande interese para os rapaces e rapazas participantes. Coa creatividade a través das mans buscouse a realización persoal, traballouse en valores como a autoestima ou autoconfianza e exercitáronse as capacidades motoras. As sesións tamén permitiron expresar a capacidade creativa e contribuíron a relaxar a mente na busca dun estado de benestar e tranquilidade.

O programa incluíu actividades de educación física e deportiva; de educación plástica, estética, creativa, artística e manual; de igualdade e inclusión social; de emocións; de educación en valores e convivencia e de animación á lectura, con contos adaptados a cada idade.

Coas súas creativas mans, os pequenos e as pequenas puideron pintar e crear esculturas, facer música coas súas mans ou tocando instrumentos existentes ou inventados ou coidar a natureza.

Compartir: