ACTO INSTITUCIONAL

Compostela amosou a súa repulsa ao terrorismo

02/01/2007 A Praza do Obradoiro acolleu unha concentración silenciosa contra o terrorismo e pola paz. Os cidadáns alí congregados quixeron así amosar a súa repulsa pola atentado acontecido o sábado 30 de decembro no aparcadoiro da Terminal 4 do aeroporto de Madrid-Baraxas.

A Corporación municipal, representantes de diversas institucións e diversos cidadáns anónimos participaron neste acto, no que os composteláns expresaron a súa solidariedade cos familiares e amigos dos afectados e o seu rotundo rexeitamento a calquera acto terrorista.

Na declaración institucional, subscrita polos tres grupos municipais, cualificouse o atentado como "desprezable e condenable" e díxose que "enterra as ilusións e a esperanza abertas nun amplo sector da sociedade que agardaba a fin definitiva da violencia de ETA". Tamén houbo unha lembranza á "dor das familias e amizades das dúas persoas desaparecidas". Finalmente, faise un chamamento "á unidade institucional de todos os partidos políticos e de toda a sociedade para poder loitar eficazmente contra o terrorismo". O acto pechouse cun minuto de silencio.

Documentos relacionados



Compartir: