ALCALDÍA

Aberta a inscrición para a o 1º Mercado do Libro e da Artesanía no marco da festa do Banquete de Conxo

21/03/2018 O Concello vén de abrir a inscrición para a primeira edición do Mercado do Libro e da Artesanía, que se celebrará a fin de semana do 21 e 22 de abril no marco das actividades organizadas para a celebración da festa do Banquete de Conxo.

No Mercado convivirán expositores dos sectores do libro e da artesanía, sendo necesaria a inscrición previa para a participación de expositores do sector do libro que lle poderán propoñer á organización a realización de actividades como recitais, presentacións literarias... Poderán expoñer librarías de Santiago, así como editoriais e outros sectores vinculados ao mundo do libro e da ilustración debendo ter capacidade para exhibir e vender.

Para tomar parte no mercado é requisito indispensable cumprimentar a solicitude de participación antes das 19:00 horas do día 6 de abril. No caso de superar o número de postos dispoñibles, a organización seleccionará aos participantes por estrito orde de rexistro das súas solicitudes, dándoselle prioridade a aqueles establecementos que radiquen en Compostela.

O Mercado contará con actividades complementarias de dinamización e situarase na Praza Aurelio Aguirre, diante do Centro Sociocultural. As carpas serán tipo xaima e nelas convivirán os postos literarios e os de oficios artesáns, retomando o espírito do propio Banquete de Conxo de 1856.

Compartir: