OFRENDA

A condena ao terrorismo, protagonista da Ofrenda ao Apóstolo

30/12/2006 O atentado terrorista acontecido no aeroporto de Baraxas (Madrid) converteuse no protagonista das verbas expresadas polo alcalde de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo, e polo presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, que actuou nesta ocasión coma Delegado Rexio na tradicional Ofrenda Nacional ao Apóstolo Santiago para conmemorar a translación dos seus restos. Ámbolos dous expresaron a súa condena e os seus desexos de paz e liberdade.

No acto celebrado en Raxoi, o alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, manifestou o seu pesar polo atentado: "Esperamos do novo ano que desapareza esta lacra e que non teñamos que facer nunca máis actos de condena porque teña desaparecido o terrorismo". No mesmo sentido se pronunciou o xefe do Executivo autonómico, quen fixo un chamamento "a convocar as máis firmes vontades de unión para acadar a convivencia en liberdade e en paz".

O presidente da Xunta tamén comezara a súa invocación ao Apóstolo cunha lembranza para o atentado de Madrid. Nas súas palabras condenou a "ignominiosa acción do terrorismo" e expresou a súa "máis enérxica condena".

A continuación pediu que "a boa vontade e o espírito do encontro sexan as luces que orienten en todo momento a acción dos responsables públicos, sobre todo naqueles asuntos nos que máis necesaria é a colaboración e o acordo de todos". Ademais, demandou "diálogo, tolerancia e afán de consenso" para afrontar os retos do presente.

Pérez Touriño tamén tivo palabras sobre o deterioro medioambiental e sobre cuestións tan de actualidade como a "excesiva presión urbanística". Para Galicia, o presidente tamén reclamou "o diálogo, o traballo e a conciencia das nosas propias forzas e valores, así como a nosa capacidade para distinguir o que nos une do que nos separa, e para por o interese xeral do país por riba dos nosos intereses particulares".

Finalizada a celebración litúrxica, a comitiva dirixiuse ao Concello, onde o Delegado Rexio asinou no Libro de Honra e recibiu un obsequio de mans do alcalde, Xosé A. Sánchez.
Bugallo. Posteriormente,ámbolos dous realizaron unha breve intervención.

Tradición

A cerimonia da translación celébrase anualmente o 30 de decembro en recordo do lexendario traslado dos restos do Apóstolo Santiago dende o porto de Jaffa (Xerusalén) ata as costas galegas, onde foron desembarcados no peirao de Iria Flavia (Padrón). Segundo a tradición a Raíña Lupa, soberana das terras, enviou tropas en persecución da comitiva apostólica que foi salvada por un milagre que afogou ós perseguidores nas augas do río Tambre.

A Raíña Lupa quedou tan abraiada por este feito que ofreceu a súa axuda ós discípulos para que puideran soterrar os restos do Apóstolo, que son trasladados nun carro tirado por bois que ao azar buscan o lugar para o repouso do fillo de Zebedeo. Tras deterse (sempre segundo a lenda) na fonte da actual Rúa do Franco, os bois continúan o seu camiño ata quedar inmóbiles no lugar que desde aquela se denomina "Libredón" ("Liberum domum", regalo libre) onde é soterrado e pasa ao esquecemento o Apóstolo ata o seu posterior descubrimento no ano 813 por un eremita.

O rei Alfonso VI realizou no ano 1109 a primeira ofrenda da Translación, entregando unha ducia de talentos de ouro e outra de marcos de prata. En 1642, baixo o reinado de Felipe IV esta cerimonia institucionalizase con carácter definitivo. Desde entón actúa como oferente o Rei ou un delegado rexio.

Compartir: