ACCIÓN CULTURAL

Olalla Castro e Nicoleta Moise presentan na Zona C a intervención "De como non casar / How not get married"

20/03/2018 Mañá mércores 21 de marzo, ás 19:30 horas, as artistas Olalla Castro e Nicoleta Moise presentan na Zona "C" a intervención de De como non casar / How not get married. Estarán acompañadas na inauguración pola concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra. O acto é aberto ao público e non é preciso presentar invitación.

Olalla Castro e Nicoleta Moise propoñen en De como non casar / How not get married un itinerario gráfico, audiovisual e performativo no que diferentes supersticións, rituais e tradicións relacionadas con Galicia –e con Santiago de Compostela– son recompiladas e reinterpretadas. A intervención interdisciplinar inclúe investigación in situ dos "espazos supersticiosos".

A exposición ten como contido o resultado das performances que se levaron a cabo en lugares emblemáticos de Compostela, coma o convento das Clarisas ou a Catedral, e que se completará cun tour guiado arredor dos "espazos supersticiosos". Performances vinculadas ao local, pero extrapolables ao global en xestos que se repiten como tirar moedas nunha fonte para ter boa sorte ou rituais nas cerimonias matrimoniais (o arroz, os ovos de Santa Clara, etc.)

O feito de recompilar e cuestionar as superstición reformulándoas como performances, como coleccións gráficas ou a través da creación de "obxectos supersticiosos" supón para as artistas un cruce entre culturas, sociedades e fronteiras. Partindo da idea de que moitas supersticións son transnacionais e non se rexen polos límites dun mapa, aprecian como os mesmos ritos acaban por expandirse en diferentes lugares co fluxo migratorio e o movemento das persoas. Sendo Santiago un centro de peregrinación único, esta idea reflicte a proxección que os ritos locais poden chegar a acadar no ámbito internacional.

Nicoleta Moise (Bucarest, 1989) vive e traballa en Bucarest (Romanía). En 2013 graduouse no Máster de Fotografía e Imaxe da Universidade Nacional de Artes de Bucarest. Traballa como artista visual con imaxes de arquivo encontradas ou buscadas, mentres amosa un interese polas artes performativas, os libros de artista e a poesía. Foi artista en distintas residencias, coma no EACC de Castellón nos anos 2015-2016, e no Paintbrush Factory en Cluj-Napoca (Romanía).

Olalla Castro (Lugo, 1989) vive e traballa en Potsdam, Alemaña. En 2014 licenciouse en Belas Artes na Universidade Politécnica de Valencia. Foi residente na Casa de Velázquez (Madrid) en setembro do 2016. A súa práctica artística céntrase na paisaxe a través do binomio local/global. Traballa en medios interdisciplinares, como o vídeo, o libro de artista e a performance.

A entrada á Zona "C" é de balde no seguinte horario: de martes a sábado de 16:00 a 20:00 h e domingos de 14:00 a 19:00h. O luns está pechada.

Compartir: