ALCALDÍA

"O efecto das luces", máis de 100 pezas para resumir a historia da Real Sociedade de Amigos do País

29/12/2006 A exposición "O efecto das luces" acolle na Fundación Caixa Galicia máis dun centenar de pezas –entre obras artísticas, documentos e imaxes- que resumen a intensa actividade da Real Sociedade de Amigos do País dende a súa fundación en 1783. Tamén recolle pezas cedidas por numerosas institucións galegas e estatais. O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, visitou a mostra.

Do catálogo de obras exhibidas, destaca pola súa relevancia o retrato de Carlos III de Antonio Rafael Mengs, cedido polo Museo do Prado, ao que acompañan numerosas pezas procedentes do Museo de Pontevedra, o Museo Provincial de Lugo, os arquivos dos concellos de A Coruña e Santiago, as bibliotecas Universitaria e Xeral da Universidade compostelá, a Real Academia Galega, o Museo do Pobo Galego ou a propia Colección Caixa Galicia, entre outros.

Con esta exposición, financiada polo Concello de Santiago en colaboración coa Fundación Caixa Galicia, preténdese non so desvelar parte da longa historia da Real Sociedade Económica de Amigos do País senón amosar o servizo que segue a prestar á sociedade. A exposición poderase visitar ata o 31 de xaneiro na sede compostelá da Fundación Caixa Galicia.

A Sociedade Económica de Amigos do País de Santiago de Compostela, foi fundada en 1783 coa finalidade de "contribuír… á felicidade xeral e á da provincia que habitaban en particular, fomentando nela a industria, artes e agricultura, e concorrendo dalgún modo ao pronto efecto de las luces, estendidas nos últimos anos pola nación". Desta maneira a cidade de Santiago súmase ás múltiples Sociedades que irían aparecendo ao longo dos anos finais do século XVIII e primeiras décadas do XIX.

O seu esplendor prodúcese ao longo do século XIX coa participación activa de persoeiros destacados da cidadanía compostelá, coa edición de diversas publicacións e a organización de sucesivas exposicións que se facían coincidir coa celebración dos Anos Santos e das que queda como mostra dos seus múltiples pavillóns a actual gardería de Santa Susana.

Compartir: